mejoras

Ribeiro en Común reclama reparacións no interior do polideportivo ribadaviense

Este grupo político demanda melloras na explanada exterior e a instalación de luminarias para o seu uso pola noite

O grupo municipal de Ribeiro en Común de Ribadavia salienta o estado de deterioro no que se atopa o pavillón polideportivo de Maquiáns, "unha infraestrutura compartida ao 50% entre o Concello e o Instituto de Bacharelato e que padece importantes eivas para o seu uso por parte dos clubs deportivos". Por iste motivo, os concelleiros de esta formación política veñen de presentar unha moción para o seu tratamento por parte da Corporación, na que solicitan as reparacións do pavillón que xa foron informadas polos técnicos do Servizo municipal de Deportes, e que inclúen un canalón, interruptores, enchufes, espellos, lousas e inodoros arrincados e rotos, entroutras.

Ademais, Ribeiro en Común pide "melloras dos vestiarios para ter un uso correcto e de calidade e que deben ser realizadas entre o Concello e a Consellería de Educación como institucións que comparten dita infraestrutura". Por outra banda, este grupo da oposición tamén demanda o adecentamento do exterior do pavillón de Maquiáns, concretamente, a mellora do terreo da explanada exterior e a instalación de luminarias que posibiliten o seu uso en horario nocturno.

O voceiro de Ribeiro en Común, Brais Fidalgo, xustifica estas propostas ó considerar que "o aumento de categorías dos equipos nas distintas disciplinas deportivas no noso municipio, coa creación de novos conxuntos de balonmán, baloncesto e de fútbol sala feminino, favorece a dinamización deportiva, e, ao mesmo tempo, obriga a que estas disciplinas se poidan practicar en condicións nunhas instalacións óptimas".

Te puede interesar