SINAIS

A Ruta do Viño do Ribeiro contará con novos sinais informativos

A Consellería de Turismo avanza que no 2019 reforzarán a sinalización en Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras

A Ruta do Viño do Ribeiro contará cunha nova sinalización. A Consellería de Cultura e Turismo procederá a instalar novos sinais informativos tanto en zonas urbanas como en diferentes estradas para facilitar o acceso dos viaxeiros aos distintos recursos, tendo en conta que o número de turistas que buscan este tipo de experiencias visitando adegas e museos do viño incrementouse en máis dun 18% en toda España.

O proxecto beneficia nesta ocasión, ademais da Ruta do Ribeiro, á das Rías Baixas, e a Consellería de Cultura e Turismo prevé poder avanzar o ano próximo os traballos nos itinerarios vitivinícolas de Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras, completando así a que é "unha das principais apostas deste departamento autonómico para impulsar o enoturismo en Galicia", segundo sinalan. 

A Consellería destaca que a esta sinalización súmase "o apoio estable ás Rutas do Viño a través dos máis de 230.000 euros para a súa promoción ata o ano 2021 que inclúe a posta en marcha das xornadas de portas abertas", que este ano celebraron a súa sétima edición co respaldo da Xunta."Froito desta aposta polo enoturismo, neste último ano tamén se impulsaron infraestruturas como o novo spa viñoterapia de Leiro, xunto ao Hotel de San Clodio", valoran dende a Xunta.

Te puede interesar