RIBADAVIA

O PSdeG reclama á Xunta solucións ás avarías eléctricas en Ribadavia

Un dos recentes fallos deixou sete horas sen luz á parroquia de Francelos durante as festas patronais

A deputada socialista Noela Blanco presentou unha serie de iniciativas parlamentarias nas que lle reclama á Xunta que realice unha auditoría sobre os reiterados cortes de luz que se veñen rexistrando nos concellos de Ribadavia, Arnoia e Melón. Apunta que os problemas de subministro eléctrico provocaron que veciños da parroquia ribadaviense de Francelos quedaran sete horas a escuras en plenas festas patronais, o pasado 8 de setembro.

A parlamentaria do PSdeG reclámalle ao Goberno galego que "exerza con efectividade as súas competencias en materia de consumo, de protección das persoas consumidoras, e de vixilancia e control da distribución e transporte de enerxía, para esixir a solución dos problemas de subministración eléctrica" nestes municipios da provincia. Ademais, Noela Blanco urxiu a realizar unha auditoría sobre o servizo de subministro eléctrico nestes concellos, "detectando e instando ás empresas a corrixir de inmediato, e con carácter estrutural, as causas reais da falla no subministro enerxético que sofren os usuarios".

Os veciños afectados iniciaron unha campaña de recollida de sinaturas para pedirlle á Xunta que abra un expediente sancionador á empresa por non cumprir coas súas obrigas, e reclaman a mellora da liña eléctrica existente entre Castrelo de Miño e os concellos de Arnoia e Melón.

Te puede interesar