O subdelegado do Goberno cree que a explosión de Beade 'ten que ver con outras acontecidas en Galicia

Roberto Castro condena uns feitos que 'o que fan é enturbar a paz cidadá e crear unha alarma absurda e innecesaria'


O subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, explicou que o explosivo que detonou na madrugada deste luns no Concello de Beade (Ourense), e que causou importantes danos materiais, estaba nunha pota a presión e, nese sentido, apuntou que a detonación ten que ver con 'algunha outra acontecida ultimamente na comunidade autónoma.

Castro desprazouse ata a zona da explosión na mañá deste luns, onde, preguntado sobre se este suceso ten vinculación coa explosión dun artefacto nunha sucursal de Novagalicia Banco en Vigo este verán, afirmou que por agora 'non se pode dicir que haxa unha relación entre unha cousa e outra' se ben engadiu que o 'modus operandi' e a forma na que se produce o atentado teñen que ver un algunha outra que se produciu en Galicia nos últimos tempos'.

'Dá a impresión de que hai por aí un grupo con ánimo de facer dano, pero neste momento non se poden confirmar estes pormenores', apuntou Castro, quen tamén destacou que 'parece' obra dalgún grupo de carácter independentista, se ben incidiu en que a investigación está 'aberta' e 'sería imprudente' atribuila a alguén ou a algún colectivo. Na mesma liña, insistiu en que tanto a forma de estoupar o artefacto como o recipiente empregado 'apuntan a unha determinada dirección' aínda que, segundo engadiu, 'é moi aventurado facer agora unha afirmación categórica'.

O subdelegado do Goberno destacou, ademais, que a explosión acontecida na Casa do concello de Beade foi 'importante' o que, ao seu xuízo, 'proba que había ánimo polo menos de destruír aparellos ou, neste caso, o edificio se puidese'. Polo momento, indicou que aínda se descoñece o material explosivo empregado -cuestión que esclarecerá a investigación aberta- e que a pota a presión empregada 'trataron mesmo de metela nunha xardineira' para incrementar o impacto da detonación.

Sobre se o suceso ten relación coas declaracións realizadas polo rexedor da localidade, Senén Pousa, nas que manifestaba a súa simpatía polo franquismo, Roberto Castro destacou que 'é unha hipótese', pero matizou que 'o señor alcalde é un alcalde democrático, elixido polo pobo en eleccións libres e a partir de aí todo o demais é especulacións'.


CONDENA

Durante a súa visita á zona da explosión, onde puido comprobar os danos no Concello, onde romperon portas, ventás, persianas e tabiques; Castro asegurou condenar e lamentar uns feitos que 'o que fan é enturbar a paz cidadá e crear unha alarma absurda e innecesaria'.

A ese respecto, engadiu que no marco constitucional 'é posible perfectamente que as persoas, grupos ou partidos poidan defender as súas ideas sen ningún tipo de problema e, polo tanto, non son necesarias este tipo de cousas'.

Te puede interesar