ELECCIONES MUNICIPALES

O turismo e a ampliación do chan industrial, claves para Ribadavia

FotoJet (13)_result

En Ribadavia preséntanse catro candidaturas e só unha nova candidata á alcaldía, a do BNG. Os restantes repiten ao mesmo tempo que non opta CxG, agora con representación

CÉSAR FERNÁNDEZ (PP)​

Qué potencialidades máis destacadas pensa que ten nestes momentos o Concello de Ribadavia?

Ribadavia ten varias potencialidades importantes, pero fundamentalmente temos patrimonio arquitectónico e monumental; patrimonio natural e paisaxístico nas contornas dos ríos Miño, Avia e Maquiáns. Tamén contamos cun sector primario potente; un tecido comercial que está a traballar conxuntamente e un patrimonio humano e un tecido asociativo que é o que dinamiza a vida cultural e deportiva. A maior parte das actividades que se desenvolven depende dese tecido de valor incalculable.

Esas potencialidades, pensa que na actualidade se están desenvolvendo de maneira axeitada?

Evidentemente non. Nós cremos que estes últimos catro anos foron tempo perdido, no que Ribadavia quedou estancada debido á falta total de liderazgo e a falta de proxectos no goberno local. Este goberno limitouse a levar a cabo o labor do día a día, pero sen proxectos de futuro e eso penso que é un lastre para o desenvolvemento das potencialidades que ten Ribadavia.

Como ve o futuro deste municipio cabeceira da comarca do Ribeiro? 

O futuro deste municipio vexo brillante, sempre e cando teña lugar o necesario cambio. Ribadavia atópase nunha encrucillada, pode seguir anclada no pasado ou dar a maioría clara ao Partido Popular e empezar co desenvolvemento das súas potencialidades, incidindo no turismo, o tecido industrial e comercial, na cultura, o termalismo ou o deporte.


MAITE RODRÍGUEZ (BNG)

Qué potencialidades máis destacadas pensa que ten nestes momentos o Concello de Ribadavia?

Ribadavia ten moitísimas potencialidades ás que non se lle está sacando partido. Vivimos de costas aos ríos Miño e Avia, cando noutros lugares viven cara eles e aproveitan para facer paseos fluviales. No ámbito turístico, temos  o barrio xudeo e un gran patrimonio pero hai que cuidalo e sinalizalo; manter a oficina de turismo aberta e incluso guiar visitas ás adegas. Ademais temos eventos como a Festa da Istoria ou a MIT, pero non estamos concienciados de que temos ese potencial e temos que ver como lle podemos sacar máis proveito.

Esas potencialidades, pensa que na actualidade se están desenvolvendo de maneira axeitada?

 Penso que non. Hai moitas asociacións en Ribadavia que traballan estupendamente e están desenvolvendo un gran labor e deberían ter máis apoio. O concello tamén ten que axudar aos emprendedores, facilitando baixos en aluguer e con bonificacións para que non se vaian, para xerar emprego. Fan falta máis iniciativas e tamén pensando nas parroquias.

Como ve o futuro deste municipio cabeceira da comarca do Ribeiro?

Son optimista. Levo 15 anos traballando en Ribadavia, no mesmo posto de traballo. Claro que vexo aos negocios e hai unha tendencia a pechar, e gustaríame que toda a xente que queira vivir aquí e ter o seu negocio o poda facer. Establecementos Asociados está axudando moito e penso que hai un futuro pero temos que falar e priorizar.


IGNACIO GÓMEZ (PSOE)

Qué potencialidades máis destacadas pensa que ten nestes momentos o Concello de Ribadavia?

Ten moitas: Patrimonio, termalismo e unha potencialidade moi importante que é o turismo que medra cada ano un 10%. Outro dos maiores potenciais é a ubicación con boas comunicacións, fundamental á hora de atraer empresas. Estamos no epicentro de Galicia, por enumerar algunhas das potencialidades, pero ten moitas máis.

Esas potencialidades, pensa que na actualidade se están desenvolvendo de maneira axeitada?

Creo que se fixeron esforzos moi grandes  e que aínda hai cousas pendentes por facer. En termalismo, estase a construir un hotel restaurante pero falta desenvolver o gran proxecto de aldea termal. Oxalá tivéramos as axudas que as outras administracións dan ás áreas costeiras. Outra gran potencialidade son os viños, que están agora nun momento moi bo, volvendo a recuperar o crédito que nunca debemos perder, gracias á promoción que facemos como a Feira do Viño e a que desenvolve o Consello Regulador pero non ten as mesmas axudas o albariño que o Ribeiro.

Como ve o futuro deste municipio cabeceira da comarca do Ribeiro? 

O futuro vexo con optimismo. Temos moitas dificultades como todos os concellos do interior, debería haber discriminación positiva. No nos damos conta que Ribadavia é o foco de Galicia en moitos eventos culturais, no viño, como destino turístico, pero o cambio de goberno en Madrid xa se está notando, e pronto sucederá en Ourense.


BRAIS HIDALGO (RC)

Qué potencialidades máis destacadas pensa que ten nestes momentos o Concello de Ribadavia?

Son múltiples e ningunha aproveitada. Ribadavia está estancada, sobre todo nos últimos catro anos. Temos recursos termais que se puxeron en marcha no 2010 e que non avanzaron; o casco histórico abandonado; os paseos do río igual e o máis grave é o polígono industrial sen metros cadrados. Ribadavia tampouco tivo ningunha iniciativa para o sector do viño.

Esas potencialidades, pensa que na actualidade se están desenvolvendo de maneira axeitada?

En absoluto. Non se cumple o contrato coas termas e a un mes das eleccións din que a empresa vai facer un restaurante. No casco histórico, as vivendas do concello están en ruinas cando deberían ser rehabilitadas para vivenda pública, porque non ten poboación nova e está totalmente degradado. O alcalde leva 16 anos no goberno e non ten ningún proxecto real.

Como ve o futuro deste municipio cabeceira da comarca do Ribeiro? 

Creo que o futuro pasa indispensablemente por un cambio de goberno. É distinto as enquisas que os votos, pero a xente di que son o candidato mellor valorado e que a nosa candidatura vai subir en votos. Este goberno nos oito primeiros anos fixo cousas boas pero nestes catro últimos anos é un goberno de desgaste. Preocúpame que Ribadavia está a punto de baixar dos 5.000 habitantes, polo que o crecemento é un obxectivo fundamental, xunto coa mellora dos servizos e a aposta polo polígono industrial.

Te puede interesar