viticultura

O ViñoBus percorrerá o vindeiro sábado os castros de Santa Lucía e Cibrán de Lás

A ruta dispón de guía turístico e as persoas interesadas poden inscribirse no portal Ataquilla.com ou nas sedes de Afundación

A Ruta do Viño do Ribeiro, o Consello Regulador e o Xeodestino Ribeiro–Carballiño, coa colaboración da Deputación provincial e da Xunta, prosiguen coa organización de novas rutas do ViñoBus para complementar a súa oferta enoturística durante o mes de setembro, coincidindo coa actividade da vendima, e que están centradas na promoción dos recursos patrimoniais e da cultura do viño. Así, o pasado día 14, a expedición en autocar saía dende a cidade de Santiago de Compostela para percorrer a pegada histórica que as ordes monacais deixaron no territorio, a través da produción e comercialización do viño do Ribeiro, con paradas no mosteiro de San Clodio, en Leiro, e no Museo do Viño, en Ribadavia.

Nunha segunda etapa, o vindeiro sábado día 21, a temática do ViñoBus xirará en torno á cultura castrexa, incluíndo na súa ruta visitas ao castro de Santa Lucía, en Castrelo de Miño, e o castro de San Cibrán de Lás, ademais de degustacións de viños en tres adegas da Denominación, cun percorrido que partirá, ás 9,15 horas, dende a cidade de Vigo. A derradeira viaxe do ViñoBus nesta tempada será o 28 de setembro e con saída dende a cidade de Ourense, para ofrecer ós participantes un itinerario no que descubrirán as grandes xoias da arquitectura barroca situadas na parroquia de Pazos de Arenteiro, en Boborás, visita que se complementará con degustacións en tres adegas.

Tódalas rutas dispoñen de servizo de guía turístico, e o custe das viaxes é de 15 euros. Os interesados poden anotarse no portal ataquilla.com ou nas sedes de Afundación nas cidades de referencia.

Te puede interesar