LITERATURA

Xesús Antonio Gulías presentou o libro “Polos camiños de Avión"

O alcalde de Avión, Antonio Montero  dixo sentirse “orgulloso de que se escriba un libro do noso municipio

O libro "Polos camiños de Avión", unha viaxe cultural pola tradición e a historia de este municipio ourensán, de Xesús Antonio Gulías Lamas, foi presentado onte no Pazo Provincial da Deputación de Ourense. Ademais do autor, asistiron ao acto o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e o alcalde de Avión, Antonio Montero.

Xesús Antonio Gulías sinalou que o principal motivo que “me levou a facer esta viaxe por todos os lugares deste concello para poder escribir este libro foi a ansia de profundar máis na súa cultura, no seu patrimonio e nas súas tradicións. Tratei de que esta andaina polas terras de Avión fora esencialmente cultural”. Engadindo que "a cultura non está só nos libros e arquivos, senón tamén nas xentes do pobo que foi recompilando datos, historias e lendas a través do tempo, polo que son enciclopedias viventes ás que hai que acudir e consultar”.

Manuel Doval lembrou que Xesús Antonio Gulías Lamas xa “conta con outros traballos referentes a concellos como Beariz, por exemplo”. Mentres, Antonio Montero dixo sentirse “orgulloso de que se escriba un libro do noso municipio, facendo un repaso non só pola cultura e o patrimonio relixioso e arquitectónico, senón tamén polas vivencias dos que habitaron Avión". 

Te puede interesar