A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, abriu onte o prazo para a presentación de ofertas para a adquisición de inmobles no casco histórico de Ribadavia, ao abeiro do Programa Rexurbe. Trátase da segunda vez que se realiza neste concello esta oferta pública, pois a convocatoria de 2019 tamén seleccionou este municipio para participar na oferta pública de dito exercicio.
Segundo consta na resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, a Xunta destina 200.000 euros para facerse propietaria de edificios e fincas neste conxunto histórico, co fin de rehabilitalos e ofrecer vivendas en alugueiro aos veciños.
Todos aqueles propietarios que estean interesados en presentar as súas ofertas á Administración galega dispoñen ata o 25 de agosto para achegarlas.
A oferta pública do Programa Rexurbe lanzada pola Xunta neste ano ascende a 1,5 millóns de euros para adquirir inmobles na Coruña, Mondoñedo e Ribadavia e da continuidade á realizada en 2018 e 2019, polas cales se adquiriron 37 inmobles nos concellos de Betanzos, Ferrol, Lugo, Ourense, Ribadavia e Tui.
Segundo as estimacións realizadas polo IGVS, os 1,5 millóns de euros da actual convocatoria permitirán adquirir uns 25 inmobles, para habilitar máis de 50 vivendas dos tres cascos históricos.