Os rostros de Nós

Manolo Figueiras fai o retrato de Ben-Cho-Shey

ben-cho-shey-lamina-25,5-35cm

Ao artista pintor Manuel Martí Figueiras (México D.F., 1961), encargáronlle a ilustración a “Ben-Cho-Shey”, alcume polo que foi coñecido Xosé Ramón Fernández-Oxea (1896-1988), quen nos seus comezos firmara como “Xan Fouciño”. E Manolo, profesor nun IES en Pontevedra, escolleu pintalo no interior dunha biblioteca, entorno asisado para este persoeiro, máis en vez de reproducilo dende a súa coñecida foto na que escribe concentrado coa pluma nun caderno vestido con traxe, chaleco e garabata, pintao, óleo sobre táboa, pensativo e soñador, coa cabeza ladeada a matinar, ante unha folla, lucindo branca camisa, e garabata marrón claro que destaca sobre a chaqueta marrón escuro. Figúrao co rostro alargado, e troca a colocación dos libros nas baldas superiores dos estantes poñéndoos cos lomos á vista, aínda que mantén baleira a inferior. Ten diante a peza cerámica dun afiador, tema central na súa biografía de investigador dos campos lingüísticos e etnográficos, interesándose pola súa fala especial que coñeceu na súa escola de Caspiñón, Santa Marta de Moreiras/Pereiro de Aguiar, publicando dende os anos cincuenta “O barallete”, que incluíu en 1969 na súa famosa monografía daquela parroquia (1925-1935), feita seguindo a metodoloxía do Seminario de Estudos Galegos, ao que pertencía. Esta é a xerga dos afiadores e paraugueiros polos que se coñece aos de Ourense sobre maneira dende os concellos da Ribeira Sacra, e Nogueira de Ramuín principalmente, linguaxe deste oficio ambulante que ampliou o profesor Fidalgo Santamariña a comezos dos anos noventa en “O afiador”.

Ramón e Fernández-Oxea participa cos seus amigos nas Irmandades da Fala, e como mestre ten escola na mencionada do Pereiro, até que aproba a oposición de Inspector de Escola en 1935, marchando para Lugo, onde presidirá ademais o Partido Galeguista. Por elo foi suspendido durante a Guerra Civil, sendo trasladado a Cáceres e logo á inspección de Toledo, onde se xubilará. Viviu en Madrid, con esporádicas saídas de campo á súa querida terra galega, elaborando as súas achegas de heráldica, historia ou arte, na súa biblioteca. A súa abondosa escrita en prensa recóllenlla os amigos Isaac Alonso Estraviz e Alonso Montero en “Galicia no corazón”. Escribiu en Nós, e foi quen acendeu a chispa a Risco e Otero dende a súa estancia como mestre en Cariño para faceren a pelerinaxe a Santo André de Teixido en 1927.

Figueiras estudou na USC licenciándose en Xª e Historia. Como artista tense expresado na ilustración de libros, caso do da poesía de Rosalía, 2014 ou “Os contos da avoa Pepa”, 2020, de Francisco Fernández Naval. De escasas exposicións individuais, a máis completa foi a realizada na sede da CEO en 2017. Con anterioridade, “Mitografías”, 2011, na Coruña; “A mesma historia 40 veces”, Centro cultural da Deputación, 2003, e na Casa de Galicia, Madrid, en 1997. Adoita participar en colectivas e, ás veces, con algún amigo como Karballo, en 2013.

Mañá domingo, lámina adicada a Ben-Cho-Shey

Os lectores de La Región que compren mañá o xornal conseguirán o sexto exemplar da colección de láminas adicadas ao rostros máis emblemáticos da Xeración Nós. Tras Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao, Losada Diéguez e Arturo Noguerol, chega o turno da ilustración de Ben-Cho-Shey feita por Manolo Figueiras. Esta iniciativa completarana outras figuras recoñecidas como Xaquín Lorenzo “Xocas”, Ramón Cabanillas ou Florentino López Cuevillas, rematando así esta colección.

Te puede interesar