Moreiras amosou en Xinzo a faciana do “patriarca da cultura de Galicia”

photo_camera A Casa da Cultura de Xinzo acolleu, nun dos seus espazos, o acto de presentación de “Os rostros de Nós”: nove retratos de nove dos integrantes da agrupación cultural máis significativa en Galicia do século XX e que se reproducirán nunha serie de láminas que o Diario La Región achegará aos seus lectores xunto aos exemplares dos vindeiros domingos, sendo o día 23 a primeira entrega. Será a de Ramón Otero Pedrayo e o autor o celanovés Baldomero Moreiras, presente nesta xornada de presentación, e que adoptou a técnica do collage para dar unha imaxe do autor ourensán máis próxima aos nosos días.
A Casa da Cultura acolleu a presentación da primeira das láminas dos persoeiros da Xeración Nós que se entrega con La Región

O diario La Región achegará aos fogares, a partir deste domingo, un anaco da historia da Xeración Nós coa recreación, nunhas láminas especiais, dos retratos realizados a Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Castelao, Xocas, Ben Cho Shey, Losada Diéguez, Ramón Cabanillas, Florentino Cuevillas e Arturo Noguerol por nove artistas galegos  -na súa meirande parte ourensáns-. 

A primeira das láminas, que se entregará coa edición do xornal do vindeiro 23 de maio, corresponderá ao autor de “Arredor de sí”, Ramón Otero Pedrayo, e foi presentada onte, xunto co resto de orixinais dos artistas,  na Casa da Cultura de Xinzo nun acto que estivo protagonizado polo autor da obra artística, o celanovés Baldomero Moreiras, e pola xornalista e autora das reseñas que acompañan as láminas de “Os rostros de Nós”, Maribel Outeiriño.  A presentación tamén contou coa presenza da rexedora de Xinzo, Elvira Lama, e o edil de Cultura de Xinzo, Ramiro Rodríguez. 

Xinzo de Limia. 19/05/2021. Presentación en la casa de cultura de Xinzo de Limia de la exposición

Baldomero Moreiras, moi “emocionado” por participar nesta iniciativa, abordou a súa experiencia retratando a Ramón Otero Pedrayo cunha das súas técnicas máis características: o “collage”. Neste senso, Moreiras precisou que a base da obra é un conxunto de cartulinas recortadas e pegadas unhas encima de outras. “É unha técnica que emprego con frecuencia cando fago cartelismo ou postais. É coma unha segunda faceta miña o de facer ‘collages’”, explicou o artista natural de Celanova, quen asegurou que, precisamente, dentro da Xeración Nós, “Vicente Risco era un gran afeccionado a facer recortes de cartulina e papel. Foi curioso descubrir esta casualidade”. 

Por outra banda, para Moreiras,  Otero Pedrayo é “o patriarca da historia e da cultura de Galicia” e recoñeceu o “medo” á hora de retratalo “cunha estética máis de hoxe”. “Quixen modernizar a súa imaxe sen perder en absoluto o respecto á súa figura. Quería demostrar que don Ramón sigue vivo porque todo o que el dixo, fixo e escribiu se pode disfrutar hoxe en día”, aseverou. A rexedora de Xinzo, Elvira Lama, amosou a satisfacción do Concello por “colaborar na divulgación da cultura galega”, ao tempo que Maribel Outeiriño lembrou que os integrantes da Xeración Nós foron moi retratados no seu tempo, sendo Risco “o máis caricaturizado”, e lembrou que este grupo formou parte “do acontecemento cultural galego máis importante do século XX”.

Te puede interesar