Os rostros de Nós

Xosé Vilamoure: "Pintar a Castelao foi coma unha ‘road movie’, ata que cheguei a el”

Xosé Vilamoure emprendeu unha viaxe creativa para facer o retrato de Castelao, que se repartirá con La Región  o domingo dentro da serie “Os Rostros de Nós”

Xosé Vilamoure emprendeu unha viaxe creativa para facer o retrato de Castelao, un proceso no que puxo corazón e paixón pola admiración que sinte por el e pola súa obra. A súa obra ocupa a lámina que La Región repartirá o domingo dentro da serie “Os Rostros de Nós”, en conmemoración da Xeración que marcou a vida intelectual de Galicia nos inicios do século XX.

Se un busca a definición de galeguismo, atópase con Castelao.

Castelao é un home cunha obra enorme e cunha gran influencia na cultura galega, é un honor maravilloso facer o seu retrato. Alegreime moito porque é unha figura sobranceira en Galiza, moi importante, un gran debuxante, un gran pintor. Inda que é difícil é un estímulo pintar a Castelao. Lin algunha obra del e vin moitas exposicións de debuxos e pinturas, foi un pioneiro nese campo. Inda hoxe pensei en El Roto, a idea do satírico… Non é o mesmo debuxo, obviamente, son outros tempos pero si está presente esa influencia en xeral sobre os debuxantes, mesmo para a prensa é enorme e tamén coma autor intelectual, claro.

En Castelao hai múltiples facetas, a do médico que non exerceu por amor a humanidade, coma el mesmo dicía, a do debuxante, o pintor, o politólogo… Que atopou no seu retrato para decidir como abordalo?

O primeiro que sentín foi moita responsabilidade, ao princípio asusteime. A dificultade é pintalo porque a verdade é que é moi complexo, adentrarse nel, no seu rostro, nas súas faccións, deume moito traballo e pasaron moitos persoeiros, foi coma unha “road movie”, unha viaxe, ata que cheguei a Castelao. Pasaron actores, escritores, ata que ao final chegou Castelao, nun final, creo que feliz. Nel hai moitos presonaxes.

A imaxe que temos del grazas as fotografias é a dunha persoa moi seria que en certo modo contrasta con esa imaxe de boa persoa que din que era. Semella coma se levase unha máscara.

É difícil, si, tentar sacar esa parte humanista dunha foto. Realmente é un traballo enorme, brutal, tratas de adecuarte un pouqiño á fotografía, máis ben, coma ti dis, como máscara porque un retrato non deixa de ser iso, unha máscara. Os que din que queren chegar a recoñecer a psicoloxía dun personaxe pintando… Eso é harto difícil, ao final a psicoloxía é a do pintor, non a do retratado. Pero é un traballo marabilloso, teríame gustado facer unha serie de retratos de Castelao, facer vinte ou trinta diferentes, con distintas sensacións e sensibilidades, despois de coñecelo máis profundamente.

Que técnica decidiu empregar?

Técnica mixta, porque hai acuarela, eu pìntei moitos retratos con acuarela, pero a parte do pelo e as cellas é carboncillo e despois é óleo porque o óleo é coma moi exacto. Cando pintas con óleo sácaslle o zume ao retratado, é un pouco máis preciso. Inda que coa dificultade que dixen, o resultado é o que buscaba. Nunha especie de premonición, saiume Battiato antes. Seguramente levaríanse ben Castelao e Battiato, por sensibilidades. Eu estou contento, a pesares de que foi nun momento no que tiña moito traballo pero púxenlle moito corazón e paixón ao facelo.

Para facer un retrato é fundamental coñecer a obra da persoa que vas retratar?

Non, eu non, non funciono así, funciono por puro automatismo. Podes a partir dunha mancha facer un retrato. Máis ben necesitas coñecerte a ti mesmo e non ao retratado, saber o que queres cando pintas, é puro azar. Déixome levar, case, non coma no retrato de Castelao, que quería ser preciso, pero noutro tipo de retratos que podo facer hai moita máis liberdade.

En que momento creativo se atopa agora mesmo?

Con moitas ideas. Sempre están rebulindo cousas que van pasadno unha especie de filtros, hai cousas que se van quedando e outras que van saíndo. Teño pensado traballar sobre lenzo un pouqiño máis grande, estiven no mar hai pouco recollendo restos que aparecen para facer unhas pequenas esculturas tamén… Moitas cousas, en canto teña tempo lanzareime, é vida. A cultura é vida e traio esta camiseta a propósito porque moitos dos políticos que de algunha forma “gobernan” a cidade de Ourense cren que a cultura non é vida e constantemente o é. Reivindico eso sempre, é fundamental, inda que digan que non é rentable, é rentable para o espíritu, para a sensibilidade de vida, é necesaria, é saúde, pura saúde.

A Xeración Nós estivo moi ligada á Ourense, que cre que pensarían se agora poidesen ver o que está a suceder coa cultura na cidade?

Eran artistas, seguramente o que farían sería escribir unha obra satírica. Neste caso, Castelao seguro que faría algunha viñeta, faría auténticas marabillas. O qeu sucede agora mesmo é coma esnaquizar a toda a xente que quere facer cousas, aos “culturetas” coma lles chama, porque seguramente o que di “culturetas” nunca poderá pertencer a ese colectivo porque nunca saberá ter a sensibilidade que fai falla. Esa forma despectiva de tratar á cidadania e á xente da cultura. “Extrema esquerda” tamén di. Bueno, el é un corredor e parece que escapa, non quere quedar a escoitar á xente.

Co centenario de Nós volvemos revisar os seus textos e semella que foran escritos onte.

Si, si, son atemporais, tamén as viñetas, a nivel grafismo. Todos os debuxos que fixo Castelao teñen vixencia completamente. A humanidade, a pobreza e as inxustizas non cambian cos anos e iso fíxoo maxistralmente Castelao, tanto as escritas coma o debuxo, eso perdurará, permanecerá para sempre. Pasarán os séculos e seguirán aí.

Pero o Castelao pintor, por exemplo, non se estuda no colexio.

É curioso, parece que todo o que teña que ver co humanismo e con algo que se identifica co humano, eso non interesa, non se sabe moi ben porqué, quen é o que ordena eso. Os debuxos, a pintura e os textos de Castelao, nos colexios deberíanse ensinar para que teñas un aprendizaxe creativo e sensible coa vida.

Cara onde cre que vai o futuro da nosa cultura e o seu propio?

A cultura sobrevivirá porque somos fortes e hai paixón polo que a xente fai, polo teatro, pola pintura, pola fotografía, polo cine… Eso non vai desaparecer nunca, un cativo cando nace e lle das un lapis o primeiro que fai é facer garabatos, é instintivo, nas covas xa se facía.

Te puede interesar