Os rostros de Nós

Xabier Varela: “A cultura sempre é incómoda, non se lle pode dar a espalda”

Xabier Varela xa traballara cos esqueletes de Castelao ou “O porco de Pé” de Risco. Tamén coñecía o traballo de Xaquín Lorenzo “Xocas”, así que sabía como quería facer o seu retrato, que o domingo estará a disposición dos lectores de La Región de xeito gratuito.

Sen medo a esaxerar, probablemente Xocas foi o home que máis traballou pola recuperación da nosa memoria coma pobo.

Penso que si. Polo que teño lido del, ten moitísimas publicacións e todas no mesmo sentido, referentes a Galicia, ao patrimonio cultural galego. De verdade que debeu ser unha das persoas que puxo en valor o que é rural porque para el eso era o que representaba o patrimonio galego.

 

E iso ca el, ao igual que Risco e Otero Pedrayo, naceu na Rúa da Paz, na cidade. Pero todos tiñan unha perspectiva do que son as raíces.

Si, moi ancorada na localización e non hai que esquecer que a familia de Xaquín Lorenzo era de Lobeira. Con respecto a súa relación con Risco e Otero Pedrayo, el era bastante máis novo pero tíñano coma o pupilo, no sentido case de afillado. Debía ter unha relación con eles moi estreita. Chámame a atención unha anécdota que escoitei unha vez e que contaba coma cando Xocas era adolescente e chegou de Lobeira cunha maqueta dun carro e din que Florentino López Cuevillas díxolle entón: “pois agora desfai este carro, describe as súas partes e estúdaas”, coma se fose o motor da súa historia. No meu retrato aparece esa maqueta reflectida, enfrentada a un Xaquín Lorenzo xa maior, tentando trazar unha especie de traxectoria da que non se desviou en ningún momento.

 

Pensa que estamos perdendo todo iso?

Eu penso que non, porque el non fixo outra cousa que rexistrar todo eso. Tivo moita repercusión en xeracións posteriores. O gardar sempre un rexistro, cando algo está ben feito, pois igual se apaga durante uns anos pero pasa un século e aí queda se está ben rexistrado. A semente está ben posta, penso eu, entón é unha cousa que non se esgota así como así.

 

Este retrato non é o seu primeiro traballo coa Xeración Nós.

En Allariz está a casa da muller de Risco, convertida na sede da Fundación. Alí fixemos unha exposición, unha galería de retratos das personaxes de “O porco de pé” e tamén algunhas escenas, que permanecen permanentemente. Ambientamos a exposición coma se foran pequenos escenarios e creo que é bastante amena e anima á lectura da novela outra vez, porque ten ese talante narrativo da historia e proxecta, penso que bastante ben, polo menos algunhas das ideas que aparecen reflectidas na novela.

 

Non perde a esencia pero si lle da un aire que anima aos máis mozos a ler a novela.

Eu penso que a estas cousas sempre hai que volver. Sempre se volve sobre o mismo, as mesmas historias. O que pasa e que cada vez que o tocas parece que o estás animando, daslle outra proxección e cada un deixa unha especie de pegada propia, sen querelo, en cada cousa que fai. Entón, é importante que aos rapaces lles toque desde o punto de vista emotivo. Esas son as cousas que ao final quedan.

 

Emocións desperta moitas o traballo de Xocas. Cando un le algún dos seus textos parece que está viaxando no tempo.

Sei que tamén se adicaba á arqueoloxía pero dáballe prioridade a ese tipo de traballos como a recuperación de cantigas de tradición oral, porque eso esgotábase co señor cando morría. Debía ser un home moi cercano.

 

Con respecto á Xeración Nós, que lles podería deber ou que pode haber deles na súa obra?

Eran eruditos en moitas materias, así que hai moi poucas disciplinas nas que se non tocas por un lado, tocas polo outro. Podes sentirte identificado con calquera vertente do seu pensamento porque ademais de prolíficos, tiñan un abano intelectual moi amplo. Eu mesmo, na novela de “O porco de pé” atopo un montón de referencias a outros textos doutros autores, doutros libros… Non deixa de ser unha ventana ao exterior, á cultura en xeral.

 

Porque elexiu a madeira para representar a Xocas?

Me parece que é un elemento que debía estar presente en todos os estudos que facía. A madeira era o complemento que había, basicamente, porque cousas de ferro, poucas. Por exemplo, todos os aperos de labranza están feitas en madeira.

 

Cara onde camiña súa obra?

Ando facendo unha especie de figuración libre, un pouco simbólica, misturada con interpretación, as veces psicolóxica. Obras que representan relacións interpersoais e cousas así e tamén abstracción lírica. As veces introduzo unha figura, outras non, son masas de cores e formas organizadas no cadro. Gústame moito porque é ese tipo de pintura na que non sabes moi ben ata onde vai o cadro, cando noutro tipo, como na figurativa, máis ou menos sabes o camiño e acabas aí. Nesta case sempre hai sorpresas, as veces se atasca un cadro e pasan dous anos. Resúltame máis interesante.

 

A cultura debe seguir estando en primeiro plano pase o que pase?

Eu penso que se posiciona soa, porque non é unha cousa decorativa, sempre é incómoda. Lin unha frase o outro día que puña un amigo meu nun cadro que dicía “Para ser un cadro ten que estar só, senon é papel pintado”. Hai que reflexionar sobre eso, a pintura (como a escultura ou a poesía…) é o continente de ideas e cousas que se proxectan, que se rexistran, que teñen un sentido real. Non se lle pode dar a espalda. 

Te puede interesar