Os rostros de Nós

Xoaquín Lorenzo dende os ollos de Xabier Varela

undefined

Era Varela adolescente cando Xoaquín María Perfecto Lorenzo Fernández morría. O persoeiro máis novo da Xeración Nós pecha a serie “Os retratos de Nós” e o imaxinativo artista fíxolle un retrato parlante. Baseándose nun coñecido posado seu, xa de vello, sentado e cun forte contraste de luz, traxeado e con garabata negra, gafas grandes e serio. Debuxado o rostro Xabier Varela trátao como parte dunha idea centrada en amosar o seu campo de traballo etnográfico. Parte da madeira como soporte, pois “formaba parte de moitos dos seus traballos, ás veces facendo mesmo maquetas”, e cunha técnica mixta aplícalle cor branca a modo de acentos cromáticos, destacando medio colo da camisa e o carro de bois en silueta, traballo-icona de Lorenzo de 1926 co que ingresou no Seminario de Estudos Galegos, base de “O carro e o home”, curtametraxe de Tony Román que sonorizaría Eloy Lozano. E ademais un xugo, unha cunca e unha fouciña, alusivos ao traballo e a casa, e relacionados coa técnica dos esgrafiados decorativos das súas fachadas. Todo un xeito plástico dende a acuarela, operando aquí a táboa como naquela o papel. Engade ademais a cor negra con pincel na procura da versatilidade expresiva.

Es Javier Ángel Varela (Allariz, 1970) un artista de prodixiosa man, feito a si mesmo a carón do seu pai, Javier Varela Guillot, reputado pintor acuarelista que lle aprendeu os segredos no seu taller alaricano. Viñeron logo cursos de fotografía nas Escolas de Artes de Palma de Mallorca e Ourense, e gravado na Fundación CIEC/Betanzos. Da súa precocidade da mostra a exposición no Liceo de Ourense, 1984. Participou no ciclo “Os nosos artistas” da Consellería de Cultura da Xunta en 2003. A paisaxe e a figuración son temas predilectos, aboiando nos últimos tempos ante unha abstracción baseada na cor, como amosou na exposición de óleos e debuxos da Fundación Vicente Risco en 2020. Para ela fixera en 2017 a galería de retratos baseada na celebrada novela daquel “O porco de pé”, exposición con escenografía xaora permanente nela.

E que dicir do persoeiro retratado por Varela que non se teña dito? Como Otero e Risco, tamén foi nado na rúa da Paz, en 1907, epicentro daquel Ourense pequeno que, de contado, se ía a converter en grande pola acción deles, e outros como eles. Filosofía e Letras en Compostela e Zaragoza, e de contado unha autoridade na cultura material popular galega comezada nos anos vinte con Cuevillas, “A vila de Calvos de Randin”, e ”Parroquia de Velle”, esta eles con Fernández Hermida, traballos etnográficos sistematizados na Historia de Galicia. Tamén á arqueoloxía dedicoulle atención catalogando castros de Lobeira, escavando outros, caso de Castromao, con Ferro Couselo, achando entón a Tabula e a capital dos Coelerni. Con el estudou a capela do Santo Cristo da Catedral auriense. E morreu físicamente un 19.VII.1989 en Facós, terra de Lobeira, deixando pegadas como docente no colexio dos Irmáns Villar, os amigos, e en quenes o trataron, e tratamos.

Mañá, domingo, lámina adicada a Xoaquín Lorenzo
Os lectores de La Región que compren mañá o xornal conseguirán o noveno exemplar da colección de láminas adicadas aos rostros máis emblemáticos da Xeración Nós. Tras Otero Pedrayo, Risco, Castelao, Cuevillas, Noguerol, Ben Cho Shey, Ramón Cabanillas e Antón Losada, chega o turno da ilustración de Xoaquín Lorenzo “Xocas”, feita por Xabier Varela. Esta iniciativa completarase a próxima semana cun cartel de Nós de Fernando Mazas.

Te puede interesar