OURENSE NO TEMPO

As academias aurienses

photo_camera .

Os cambios no sistema educativo, foron unha constante na nosa sociedade.

Os cambios no sistema educativo, foron unha constante na nosa sociedade. Como é lóxico sempre se buscou mellorar tanto o nivel de coñecemento, como a facilidade para asimilalos; por desgraza non sempre conseguiuse o obxectivo.O principal alicerce do que nos valemos para paliar eses defectos de formulación foron, e en gran medida seguen sendo, os mestres que se encargaban de poñer en práctica esas novidades. Algúns deles, malia supoñer un auténtico fito no seu momento, hoxe polo paso “desagradecido” do tempo, han ido quedando no esquecemento; en Ourense no Tempo intentarei no posible que queden referenciados a maioría destes magníficos profesionais que tiveron o ensino como vocación. 

Pío Ramón Ojea (pai de Ben Cho Shey); Anxo Ferrín (non vos soa o apelido?); os irmáns Villar-Amor, Amador e Saturnino; Teresa Roqueta e Hipólito Sinforiano Luengo; Joaquín Núñez de Couto; Ángel Martín Mouriño; Manuel Sueiro; a Profe, o Ruso, os Xesta, son algúns deles.

Don Ángel Ferrín Moreiras - “Colexio Modelo"

Don Ángel Ferrín Moreiras abriu a súa famosa academia na rúa de Reza alá polo 1903 (primeira data da que temos constancia), a súa paixón e entrega polo ensino converteu ese centro nunha factoría de personalidades da cidade. Polas súas aulas pasaron xente como Don Sebastián Martínez-Risco ou Don Eugenio Montes.

Para Don Ángel ser "mestre" (que o era) supuña un privilexio. (Aproveito para incluír aquí algo que lin fai xa bastante tempo, e considero acertado: "Mestre é o que ensina e educa a todos os seus alumnos. Profesor é o que ensina aos alumnos que queiran aprender", sutís diferenzas, pero de vital importancia; no texto facía alusións tamán ás diferentes visións económicas, pero preferín omitilas por non ferir sensibilidades.)

Das instalacións da rúa de Reza (onde se realizou a fotografía que vos mostro) trasladaouse á rúa do Alba, actual Cardeal Quiroga, ao redor do ano 1920, e alí continuou o seu labor educativo mentres as forzas permitíronllo.

Unha lenda urbana dicía que os alumnos de Don Ángel , ao terminar os seus estudos, tiñan as orellas máis grandes da capital, e creo que podo demostrar con imaxes que non eran máis que comentarios de malas linguas. Esta imaxe que hoxe vos traio móstranos a don Anxo acompañado de Don Caturio (o Ruso), profesor de matemáticas, co grupo de alumnos no 1914, opinade vós.

O alcume de Caturio, teño dúbidas se estaba atribuido o Ruso (profesor da academia Modelo), ou era referido a un dos Villar. Quen suscita a miña dubida é alguén de total confianza, e por eso poño en dúbida o dato recollido na catalogación do Museo Etnolóxico de Ribadavia: nel citase don Ángel e a don Caturio o Ruso, coma os mestres que posan na fotografía).

Dona Teresa Roquetas e don Hipolito Sinforiano Luengo - “Escola Laica Neutral”

En torno a 1906, un grupo de intelectuais encabezados por Don Juan Manuel Amor Pereira (moi poucos pero algún dato tedes xa no blog deste creo que inxustamente esquecido personaxe), e co financiamento de agrupacións laicas, deciden crear na nosa cidade un colexio cun enfoque educativo, non belixerante, pero si diferente ao empregado polos colexios relixiosos.

Nace así a finais do ano 1908 a ENLO (Escola Neutral Laica de Orense). A fronte figuran dende a súa creación o matrimonio catalán formado por Don Hipólito Sinforiano Luengo, e Dona Teresa Roqueta Dalmau. Os que por certo son os únicos personaxes doadamente identificables na fotografía. O tempo que estivo en activo, ocuparon un edificio da rúa Porta da Aira (enfrente onde hoxe esta o restaurante A Taberna, perdón pola publicidade).

Te puede interesar