La Región

Ourense no tempo

OURENSE NO TEMPO

A historia da Molinera

Salvouse A Molinera, e parece que por fin arrinca o proxecto; quizais sexa agora bo momento pra lembrar algúns datos da súa historia

A Molinera nos seus comezos. Fotografía da colección dos veciños do Polvorin (Lourdes González Rodicio), cedida por Miguel Doval.
A Molinera nos seus comezos. Fotografía da colección dos veciños do Polvorin (Lourdes González Rodicio), cedida por Miguel Doval.
A historia da Molinera

Aínda que vos pareza estraño vou comezar por falarvos da vella Fábrica da Luz que houbo no campo dos Remedios. O alaricano Francisco Conde Balvís, a finais do século XIX, adxudícase o concurso público convocado pra proporcionar o alumeado á cidade, e no 1896 comeza a prestar o servizo. Malia que pola súa ubicación na beira da desembocadura do Barbaña poida parecer que se obtiña a enerxía por efecto da auga, a verdade é que se trataba dunha central térmica que utilizaba carbón, de aí a necesidade da cheminea que aínda que só sexa das fotografías daqueles anos, moitos aínda recordan. Posiblemente pra reducir custos de xeración e mellorar os beneficios, pouco tempo despois decídese comezar a utilizar a forza hidráulica para obter a enerxía. (É posible que xa dende o comezo barallásese esa opción, de aí a situación.)

Os estudos realizados naqueles momentos, con todo, apuntaban á zona do Polvorín como máis interesante para a empresa, motivo polo cal coméntanme que a comezos do século XX constrúese A Molinera. Alí instálase a primeira turbina hidráulica, pero decídese manter a opción do xerador térmico, co cal foi preciso levantar outra cheminea industrial (1902).

Co tempo foi deixando de ser rendible, converténdose primeiro nunha fábrica de xeo, e finalmente en muiñeira e almacén de fariña. É neses momentos onde penso que realmente comézase a xestar a fama da Molinera. De feito os nosos maiores só falan desta parte da historia.
 Xa teñen aparecido por Ourense no Tempo aquelas instalacións que na posguerra instaláronse en puntos estratéxicos da cidade, pra cobrar impostos aos campesiños que traían os seus produtos para vender na cidade. Eran os fielatos.

Aínda que necesarios, ¡ai!, os impostos, a poboación só víaos coma un xeito de encarecer o produto e restrinxir o acceso a eles a parte da poboación, xa empobrecida per se. Entón xurdía a picaresca, (nalgún xeito consentída?).

No contorno do Posio e o cruce da carretera de Celanova, estaba situado neses tempos un dos fielatos, e A Molinera era un lugar axeitado pra facer unha paradiña antes de entrar á cidade. A escusa era deixar algo de gran pra moer e recoller ao marchar (era pra uso persoal) e de paso botar un grolo que "sempre había bo viño". O tema era que entre o gran sempre quedaba parte da mercancía agardando un momento máis propicio pra pasar, o normal era ir pola noitiña (pra non molestar ao persoal do fielato, que xa tiña moito traballo), e noutros casos, utilizar veredas do Barbaña, pra gozar da paisaxe ribeirega, ou achegarse á Casa de Baños (que a hixiene é importante, e a auga da Burga mediciñal). Co tempo xurdiu na zona un mercado entre particulares de certa importancia (mercar e vender é legal, o problema é como se metía na cidade, pero...).

Do outro lado do fielato, actual avenida de Zamora e arredores do Posío, xurdiron mesóns e tabernas, que por necesidade dos fregueses pechaban a moi altas horas, ou non pechaban (hoxe chamaríanse postos de traballo indirecto). Posiblemente o Bocas e o Milhomes ("A esmorga") coñecesen moi ben ese ambiente, "con premiso dá súa cara", xa que frecuentaban a taberna da tía Esquilacha, situada na zona. Era un xeito cuasi honrado de gañar uns cartiños que naqueles tempos ben viñan.
Grazas os veciños do Polvorín, por prestarme a magnífica fotografía da Molinera; a Dona Lourdes González Rodicio, por habela conservado, e ao amigo Miguel Doval por xestionar o préstamo.E ao meu mestre Paulino Izquierdo por darme datos descoñecidos por mín.