OURENSE NO TEMPO

O Tío Marcos da Portela... Vella?

Os mozos do lugar tamén lembran outra zoa da Portela Vella como o seu primeiro campo de xogo

Comentábavos fai uns días, a miña procura de datos sobre a relación de don Valentín Lamas Carvajal, co pobo de San Pedro de Moreiras, e logo dun tempo sen avances, de súpeto comezan a xurdir datos. A maior parte deles precisan dunha mellor confirmación, pero para que iso póidase facer supoño que é preciso que nalgún momento suxíranse as pistas.

Iso precisamente é o que me facilita un mozo afeccionado á historia local de San Pedro de Moreiras, Pablo Sabucedo, pistas que como vos comentei noutro artigo sitúan á familia paterna de don Valentín na contorna de Mugares e Moreiras: Manuel Lamas, casado con dona Josefa Bande, veciños de Mugares, eran posiblemente tíos de don Valentín. O marxe de ter unha clara relación ca familia Fernández Enríquez, supostamente de parentesco, pero de xeito comprobado, Don Valentin foi padrino de boda de Manuel Fernández EnrÍquez, e a súa muller, Amalia Rosina Sánchez, foi a madriña da nai de Manuel, Rosina Enríquez.

Outro dato localizado, e o da casa que habitaba nos seus verans Valentín e a sua familia, que era a chamada o Pazo, ou a Calzada que os meus informantes teñen dubidas, esta ainda que moi cambiada segue na rúa que sube a fermosa igrexa do pobo (e a miña Cruz…).

Haberá que seguir ese fío de información, pero realmente o que hoxe me apetece comentar, é outro detalle, recompilado por Pablo, e que sinceramente gustaríame que resultase certo, malia que iso suporía enmendar unha curiosidade feita publica pola RAG (tampouco é que sexa un tema trascendente, pero…).

Recolle a RAG como probable que se inspirase don Valentín para dar nome a sua máis soada revista, "O Tío Marcos d’ a Portela", no poeta Marcos dá Portela, que cita o Padre Sarmiento no seu "Coloquio de Coplas Galegas. Glosario en que se trata da orixe, antigüedad, etimologías e esplendor da Lingua Galega, Traballado por Fr. Martin Sarmiento Benedictino natural de Pontevedra 1745- 1762": "Coñecín a un aldeano natural de Mourente e o lugar de Monteporreiro?..../…. o seu nome Marcos dá Portela. Este era (e creo vive) o rústico máis advertido, picarón e gracioso…"

Este poeta foi o encargado de recompilar e dar forma ás coplas que o Padre Sarmiento ofrécenos con intención didáctica e un certo toque reivindicativo da lingua galega. E que segundo parece era xa un personaxe inspirado noutro real: Marcos Peralba, figura histórica pontevedresa de comezos do século XVIII.

Este é o modelo de don Valentín segundo a RAG, e certamente ten todo ao seu favor pra selo; únicamente un certo anhelo e ganas de darlle protagonismo ao acolledor Moreiras lévanme a pensar na posible unión deste personaxe coa existencia dun lugar chamado Portela Vella no termino de San Pedro. Non era máis que un monte situado entre Moreiras, Toén, Fondón e Gradeira; noutro tempo xacemento arqueolóxico, fonte de interesantes achados, hoxe lugar semi asolado, logo de servir de canteira cando foi da obra da “Conchada” (sanatorio psiquiátrico de Toén). Os mozos do lugar tamén lembran outra zoa da Portela Vella como o seu primeiro campo de xogo daquel moderno deporte que era o fútbol. 

Contan que don Valentín gozaba de sentarse nas lareiras, e facendo que leia nos seus papeis, improvisaba belas historias que embelesaban aos seus amigos de Moreiras. O ácido humor das suas mostacillas deixábao para a prensa. (Estes de Moreiras o mesmo fan o mellor licor café e tostado de Ourense, que conseguen facer ler a un cego.)

Te puede interesar