Vellos dolmens nas novas fronteiras

Mota da Meda, co marco 34 e un vértice xeodésico.
photo_camera Mota da Meda, co marco 34 e un vértice xeodésico.
O primeiro monumento limítrofe que chama a nosa atención é o que catalogamos como “M3 de Outeiro do Ferro‑Penagache”

As persoas que me coñecen, saben que lle gardo un cariño especial á Baixa Limia. Non é para menos. Esta comarca ourensá, definida polos territorios que rega e drena o río Limia desde que abandona a chaira capitalizada por Xinzo, ata a fronteira con Portugal, foi o meu buque escola no exercicio profesional da arqueoloxía. Alí co-dirixín e dirixín as primeiras prospeccións e escavacións, que me serviron de base para unha tese de doutoramento que defendín en 1994. As atractivas paisaxes, froito da variabilidade xeolóxica e da peculiar zona climática de transición entre as condicións atlánticas e mediterráneas, propiciaron a declaración de parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés, mediante o Decreto 29/1993, de 11 de febreiro.

Un dos atractivos é a fronteira co veciño Portugal que, como escribía noutra ocasión, alcanza os 219 quilómetros, ostentando o récord de distancia entre as provincias fronteirizas españolas. E non só iso. O límite internacional en Ourense é todo terrestre, o que lle deu o nome de “raia seca” e, aos habitantes do entorno o de “arraianos”, xentilicio que popularizou a narrativa literaria de Méndez Ferrín. Os lindes trázanse con liñas imaxinarias que unen os marcos fronteirizos, numerados entre o 1, situado en Padrenda, e o 249, no Penedo dos Tres Reinos, entre Ourense, Zamora e Portugal. Para nós é moi interesante o tramo que discorre pola Serra de Leboreiro, a chaira e divisoria montañosa que separa a Baixa Limia do gran val do Miño. Alí, por riba dos 1.000 m de altitude, consérvanse máis de setenta monumentos megalíticos, tanto na plataforma superior da serra, como no cordal montañoso que tráncolle cara as terras de Bande e Verea.

Igual que ocorre no Val do Salas, principalmente nas terras de Muíños, Leboreiro acolle unha das grandes concentracións da comarca e do noroeste peninsular, participando de tal privilexio as terras ourensáns e portuguesas. Unha vez que acadamos a planicie superior da serra, a máis de mil douscentos metros de altitude, impresiona a cantidade e prominencia de túmulos megalíticos, que modelan e ordenan a paisaxe, converténdose en auténticos fitos que rompen a harmonía destas chairas montañosas. Son puntos de fuga que inevitablemente impoñen a súa presenza, uns polo gran tamaño, outros polo prominente emprazamento. E todas polo elevado número.

O primeiro monumento limítrofe que chama a nosa atención é o que catalogamos como “M3 de Outeiro do Ferro‑Penagache”. O comparten os concellos de Verea, en Ourense, e de Castro Leboreiro, en Portugal. Sobre el emprazouse o marco fronteirizo número 23. Seguindo a raia cara ao sur, destaca outra mámoa de fronteira, a “Mota da Meda” ou M1 da necrópole de Serra das Motas. Por riba dela situouse o marco número 31. Non moi lonxe e máis ao sur, vese a “Mota da Cabreira”, nunha contorna compartida polos concellos de Lobeira e Castro Leboreiro. Aquí o marco fronteirizo 34 non está precisamente sobre o túmulo megalítico, aínda que si moi próximo, pero sobre a mámoa construíuse unha garita de vixilancia, o que tamén lle da carácter arraiano.

Existen outros megálitos fronteirizos na Baixa Limia, que deixaremos para unha nova ocasión. Todas son vellas testemuñas duns territorios hoxe administrativamente liminais, rotos pola historia. Pero nun pasado lonxano da prehistoria, foron activos centros de actividades cerimoniais, sociais e económicas.

Te puede interesar