ARTE ET ALIA

A auga chega ao Campus

unha_das_fotos_de_mar_de_redes_result
photo_camera Unha das fotos de mar de redes.

Con Mar de Redes chega a auga ao Campus, e o emblemático Edificio de Ferro é o seu centro. Na súa fachada está a mostra expositiva das redeiras, esas mulleres invisibles e fundamentais da pesca do cerco. E as imaxes fixas nas paredes de cristal semellan fluír, e moverse. Dende as mans de Ruth Villar chega ata nos este proxecto gráfico que amosa escenas reais dos seus traballos á par do dos homes na mar, e a pesca de baixura. Amosalo para que se coñeza, e decatarmos así do outro prato da balanza cando levemos á boca os produtos dos nosos mares. Fanse estes traballos dende fai séculos, e son moito máis que postais típicas nas ramplas dos portos no verán. A súa visibilidade pon tamén en marcha o asociacionismo de todos aqueles que se dedican a estas labores cos aparellos de pesca, maioritariamente mulleres. Están agora mergullados na pesca dos palangreiros e o traballo dos chavoleiros e redeiras que preparan e reparan en terra os miles de anzois... Pensando na loita de mulleres e homes pola subsistencia diaria nos tempos duros do inverno, nun medio como o mariño ultimamente tan ameazado e sempre no perigo do seu outono. E esta a estación na que andamos, que se sinte no estanque do Campus Sur, cheo de follas, e nas súas plácidas augas aboia Primeira Liña, a exposición flotante de Sabela Andrés. Alí, rodeada da vexetación de auga e as aves acuáticas hai unha vez máis outra mostra da sensibilidade do Outono Fotográfico e a Universidade con un tema, que está a piques de alborexar co Campus da Auga, gran proxecto.

Aurelia inmortal 

Dende a investigación biolóxica da medusa aurelia aurita, e o seu extraordinario ciclo vital por He Jinru publicados na revista Pols One e na National Geographic, Javier Viver fixo esta exposición. O animal mariño é fotografado nun gris espectral sobre un fondo negro dándolle á presentación un ar de misterio. Un foto-libro, con capas imantadas e follas unidas en acordeón que permiten que poida abrirse formando unha efémera  escultura en estrela, que é como se amosa na Galería e as súas fotos, en papel Hahnemühle, ampliadas e reproducidas nas paredes. Co libro vai con outro pequeno volume con debuxos e textos que dan conta como unha vez que a medusa semella morrer comeza nela outro ciclo que fai que se rexenere... O fotógrafo e editor é un relevante artista madrileño doutorado en BB.AA. pola Complutense de Madrid que tamén se desenvolve no campo da escultura. Cos seus traballos en diversos museos e fundacións ten acadado becas que o levaron a Nova Iorque, Roma, Barcelona e Shangai. A súa tese en 2008 sobre o Laboratorio Plat de Val del Omar, antes de ser desfeito, e traslado ao Museo Reina Sofía; e Révèlations, iconographie de la Salpêtrière, París, con Gonzalo Golpe, recibiu en 2015 o premio ao mellor libro de arte do ano. Das exposicións, a primeira estará aberta ata fin de xuño do próximo ano, e esta ata mediados de febreiro.

Te puede interesar