Diarios do pasado

A feira de Ourense

A feira antes da pandemia.
photo_camera A feira antes da pandemia.

A feira de Ourense, deslucida e funcionando limitadamente por causa da pandemia, marca o ritmo da cidade os días 7, 17 e 26 de cada mes, a non ser caian en domingo, que pasarían ao luns seguinte. Con ela anímase o contorno da Alameda e das beiras do Barbaña, espazos que substitúen as ventas de obxectos de todo tipo, incluso antigüidades, que antes se exhibían nas prazas da Ferrería e da Trindade, xunto á rúa do Vilar. Hoxe quedou atrás a venta de gando, de produtos alimenticios e ferramentas agrícolas, converténdose nun mercado de roupa e dunha gama de obxectos do máis variado e pintoresco. Pero aí sigue, plantándolle cara ao tempo, ano tras ano e século tras século. Dende cando? Sabemos dun documento do 17 de xaneiro de 1122, o Privilexio de Dona Teresa de Portugal -irmá de Dona Urraca e raíña consorte con Alfonso IX de León- que nos proporciona datos sobre o asunto. O escrito de Dona Teresa favorece aos bispos de Ourense, daquela Diego de Velasco, e ordena crear unha feira na cidade de Ourense para promover o comercio, ao tempo que contempla medidas para favorecer aos comerciantes e o desenvolvemento urbano desta cidade rexida polo bispo, que será, ata o ano 1628, pastor de almas e señor de vasallos. De aí veñen as continuas liortas entre o concello e o bispado, que pugnan polo control dunha cidade cuxo auxe constatamos, cando menos, dende o século XII. Téñolles falado en moitas ocasión que daquela o poder emanaba do espazo comprendido entre a catedral de San Martiño e o antigo Pazo Episcopal -actual Museo Arqueolóxico-, formando o que habitualmente denominamos “acrópole episcopal”.

Nas rúa do Ourense medieval, que aproximadamente se estendía entre a de Santo Domingo e a igrexa da Trindade, e entre a rúa de Hernán Cortés e As Burgas, -igrexa e fontes que no medievo situábanse extramuros, no borde exterior urbano-, permanecen as reminiscencias de produtos e mercadorías daqueles tempos. Todos coñecen as prazas do Ferro, -a Cruz dos Ferreiros, cunha referencia documental en 1257-, da Ferreiría, do Trigo ou do Sal, denominacións que chegan ata nós fosilizadas no rueiro urbano. Como poden ver, incluso o trazado das rúas e os seus nomes, a rica toponimia urbana, son documentos históricos que evidencian actividades comerciais e produtivas: a rúa dos Zapateiros ou Vicus Cernorum, actual rúa da Paz (documentada en 1212), a rúa Tendis (rúa das Tendas, en 1295) ou o Vicum Maceli ou das carnicerías, situado na rúa de Cisneros e documentada en 1230. Non debemos esquecer a Praza maior, antiga Praza do Campo, con referencias dende 1222, lugar onde se celebraba a feira da cidade nos séculos medievais.

O ano que ven a feira que concedeu Dona Teresa de Portugal a Ourense cumpre nove séculos, novecentos anos. Sería unha boa ocasión para que a cidade, a través dos representantes locais e os que quixeran sumarse, rendesen unha homenaxe ao comercio. Non debemos esquecer que os comerciantes, moitos chegados de fóra de Ourense e de Galicia, forman parte esencial da idiosincrasia ourensana. Dinastías, entre outras, como Aguirre, Eiré, Bermello, Perille, Román, Tabarés ou Zarauza, xunto coas que nos quedan no tinteiro -agardo que saiban disculparme-, seguen entre nós, e algúns continuando as actividades dos seus predecesores.

Te puede interesar