ENTREVISTA

Acisclo Manzano: “Non importa se a escultura rompe, ten bichos ou se oxida, iso é a vida"

Acisclo Manzano
photo_camera Acisclo Manzano
O seu traballo motivou a apertura do expediente da medalla de ouro provincial, un recoñecemento da Deputación que agradece ás súas esculturas. "Que máis lle podo pedir á vida?", reflexiona

Está a piques de cumprir 80 anos e segue "secuestrado" pola escultura, unha paixón que levou o seu nome fóra das fronteiras ourensás, galegas e españolas. "O outro día mandáronme unha foto dunha escultura miña nunha casa en Suecia", conta Acisclo Manzano (Ourense, 1940). O seu traballo motivou a apertura do expediente da medalla de ouro provincial, un recoñecemento da Deputación que agradece ás súas esculturas. "Que máis lle podo pedir á vida?", reflexiona. Polo momento, Acisclo Manzano pídelle seguir tendo vitalidade para crear e para compartir a súa alegría cos demais. O próximo sábado 7, inaugura nova exposición no mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo, "Paseando pola Ribeira Sacra". As pezas, da súa colección privada, quizais non volten á casa. "Igual as deixo repartidas pola Ribeira Sacra, gustaríame", asegura.

O expediente da súa medalla de ouro xa está iniciado... Feliz?

Cando anunciaron que ma ían concender dixen "coño, esa medalla so lla dan aos mortos". Polo menos vou gozar dela uns meses, aínda que sexa. É unha alegría moi grande que ma den, non a min, ao traballo, á escultura e ao que eu represento para os que se foron antes ca min (a xeración ourensá de "Os Artistiñas"). Doulle as gracias ao presidente da Deputación, Manuel Baltar, e aos demais que apoiaron a idea.

Sen dúbida espallou o nome de Ourense polo mundo. Sabe onde están todas as súas pezas?

Hai obras en 15 museos, outras tantas fundacións, os cristos famosos, o cristo en Rocas, na Catedral, nas Lagoas, en Montealegre, Laias (con Buciños)... en Estados Unidos, Suiza, Alemania… Pero non quero presumir de que teño obras no estranxeiro, quero presumir de ter obra aquí, en Ourense, polos pobos todos, preto de min, para que poida ir a visitalas.

Di que está "secuestrado" pola escultura. 

Non podo fuxir dela. A escultura non me deixou estudar nin facer outras cousas, so escultura. E agora é ela a que me da a medalla de ouro, o ser académico da Real Academia Galega de Belas Artes, obter o título de bacharelato de honra, sen ter estudado...

Tiña claro dende cativo que sería ese o seu oficio?

Eu quixen ser poeta, a miña idea de neno era esa. Nunca escribín unha poesía, pero síntoa. Por iso me chaman o escultor poético, trasmito a miña poesía a través das formas, non das letras. Aquí, en Galicia, levantas a cabeciña e ves formas: os montes, as construccións, as xente, hai vida en todo iso. En Ibiza tamén, era todo luz. Eu traballo coas formas da luz, téñoas na cabeza, logo saen. 

Todo pode inspirar?

Todo, agora mesmo estou traballando. Traballo todo o rato, de noite, de día, e polas tardes cando máis… Podo estar un ano ou dous sen facer nada, pero de golpe poñome e recupero todo ese tempo. Paro porque estou pensando en que obra vou facer e cando me poño a facela non sae esa, sae outra, porque xa a outra xa estaba feita no pensamento. Nunca fago bocetos, son pezas únicas. 

Non ten taller, nin quere telo. E di que se as pezas rompen non pasa nada. 

Se rompen ou se teñen bichos non importa, ou se se oxidan. É un ingrediente máis na obra, estamos todos así, oxidados, con bichos.. A escultura é vida. E o taller... o día que queira morrer, monto un taller. 

Daquela, onde crea?

Aquí, alá, onde sexa. Se son pezas moi grandes fágoas nalgún taller.

So ou acompañado?

Podo estar con xente, sin xente… O que non vou facer son talleres, explicar o que fago. Non tes porque andar ensinándolle a xente o que fas, é moi íntimo teu, privado. Xa fas a obra que é a que di como eres, non tes que explicalo ti.

Deulle medo amosarlles aos demais as súas primeiras esculturas?

Deume vergonza, un non cre que o que fai lle guste aos demais e aínda por riba che dan cartos. Non debían darse cartos, hoxe as pezas valóranse polos cartos que valen. A xente estrésase porque se lle rompen as pezas, porque claro, se son de barro... En realidade á xente non lle doe que se lle rompa a escultura, dóenlle os cartos que pagou por iso.

O próximo sábado inaugura exposición en Xunqueira de Espadanedo. Que pezas estarán alí?

Pezas da miña colección privada, polo que non estarán en venta. Algunhas xa saíran para outras exposicións, pero todas están na casa. Iso sí, gustaríame deixalas espalladas pola Ribeira Sacra. Xa que está o Cristo en Rocas (San Pedro de Rocas), deixar o resto tamén por aí fóra.

Non custa desprenderse?

Algunha queda máis tempo comigo, teño pensado, pero ao final móvese para outro sitio. Eu xa a gocei, xa a traballei, fíxena, vivín, convivín, é como o amor... viviches aquel momento con aquela rapaza, foi un feito, non tes porque volver a repetilo. Deixo que as esculturas sexan libres.

O ano próximo cumpre 80 anos, xa ten pensada a exposición do aniversario?

Estou preparando 80 esculturas e vounas regalar todas, estou con iso. A exposición vaise titular "Tocar e levar": chegas ti alí, gústache e lévala. Non importa cal sexa, dunha cuarta, de dous metros… O que poidas levar. Son os meus 80 anos de escultura e quero dar un paso máis para que a xente a aprecie, para que quede con ela. A xente dime que vou perder cartos, pero non, a exposición acabarase cando se acaben as obras. 

Poucos artistas farían iso. 

Eu non me sinto artista, síntome independente a ese grupo. Téñome encontrado con algúns que me din na taberna: "Nosotros los artistas". Eso serás ti, eu non son artista, eu estou aquí tomando un vaso de viño. Ou que che veñan as catro da mañá a preguntarche nunha discoteca:  "¿Qué te parecen las vidrieras de la Catedral de Burgos?". Respondo: "Eu estou mirando outro tipo de beleza agora mesmo" e chámante insensible. Hainos así, pensan que tes que ser sensible para certas cousas.

Te puede interesar