Ourense

Adrián Borrajo: "En política, os xóvenes non somos só o futuro, somos tamén o presente"

Ourense

ENTREVISTA

Adrián Borrajo: "En política, os xóvenes non somos só o futuro, somos tamén o presente"

Adrián Borrajo, na sede provincial dos socialistas.
photo_cameraAdrián Borrajo, na sede provincial dos socialistas.

Este valdeorrés leva tres anos á fronte das Xuventudes Socialistas de Ourense, como coordinador provincial, pero non ininterrompidamente.

De feito, deixou o cargo para facer campaña por Pedro Sánchez cando este quería regresar á secretaría xeral do PSOE . Unha vez gañou, volveu converterse en líder das xuventudes. Diso fai case un ano. Antes de marchar, gustaríalle "aumentar a base de militancia". 

Mereceu a pena? Como ve o partido agora?

Pois estou convencido de que se conseguiu capitalizar toda aquela ilusión que Pedro Sánchez xerou na campaña. Estamos preto de poder quitar a Rajoy da Moncloa. Estamos volvendo transmitir esa ilusión e confianza necesarias. 

Entendo que é difícil. A xuventude afástase da política, non?

Estase a recuperar a imaxe do goberno de Zapatero. Houbo uns anos nos que foi moi complicado  chegar ao sector xuvenil. Pero a xente nova estase dando conta do legado de Zapatero. Os anos duros da crise foron difíciles, pero estamos reconectando coa xente.

Agora afronta un periodo importante, hai europeas e municipais á vista... Están preparadaos?

Houbo unha renovación a nivel galego e provincial tamén, e polo que vexo, temos un PSOE más forte, que pode competir a nivel galego co PP de Feijóo.  Hoxe mesmo (por onte) estivemos nunhas xornadas de municipalismo, e comprobamos que temos moita forza. Estamos convencidos de que podemos ser a primeira forza da provincia de Ourense nas vindeiras municipais. E estamos no camiño de conseguir que o próximo presidente da Deputación sexa socialista. As bases están mobilizadas para saír a gañar. 

Sempre se fala da pouca implicación da xente nova? Buscará que o PSOE conte cos mozos nas listas?

Sempre se fala de que somos o futuro, pero eu sempre digo o mesmo: non somos só o futuro, somos tamén o presente. É un acerto que na provincia de Ourense haxa xente nova como concelleiros. Fan falta máis, sería un orgullo. A política xuvenil é fundamental, e temos o obxectivo de que a xente nova teña un progreso nesta provincia e que poidan quedar nela.Reivindicaremos que a xente nova ten que ter peso nas listas. 

Cales foron as últimas campañas de XX.SS?

Reivindicamos moitas cousas, non só para a mocidade. Estamos moi centrados en que se corrixa o déficit da provincia nos investimento do Estado e da Xunta. Demostrouse hai uns días, cando vexo o ministro De la Serna a presentar un selo. A outras cidades foi presentar investimentos...  Tense demostrado co AVE, que Zapatero deixou avanzado, ou cunha intermodal que non é como estaba prevista. Ourense está esquecida e precisa unha discriminación positiva. E Valdeorras tamén está completamente esquecida, e o PP dá máis cartos aos concellos que son da súa cor política. A que espera Baltar para pedirlle a Feijóo e Rajoy que se involucren con Ourense?

Hai retos por diante?

Si. Traballaremos para aumentar o contacto co tecido social e cultural xuvenil. Aumentar a presenza na universidade é moi importante. Hai que estar onde a mocidade está.