Profesor catedrático de Lingua Galega

AFONSO VÁZQUEZ-MONXARDÍN: 'A cidade da cultura é unha gran escultura que agora temos que dotar de contidos'

Afonso Vázquez-Monxardín, onte na rúa do Paseo (Foto: MIGUEL ÁNGEL)
Tras boa parte da súa vida como docente, Afonso Vázquez-Monxardín fai un paréntese académico para abordar con ilusión a posta en marcha de fontes documentais na Cidade da Cultura
Deixa temporalmente o ensino. Que traballos vai acometer na Cidade da Cultura?
Levaba no equipo directivo do Instituto das Lagoas 12 anos encantadísimo, ese é o meu destino definitivo. Acabou o meu periodo de dirección e quen estaba disposto a retomalo era xente do meu equipo e pareceume unha boa transición. A min gústanme os retos. Agora estou nunha comisión de servizos da Consellería de Educación traballando no Consello da Cultura Galega, que firmou hai uns meses un convenio coa Consellería de Cultura polo que o Arquivo Sonoro, o da Emigración e o Centro de Documentación Sociolingüística ían para a Cidade da Cultura. O meu traballo no consello é en favor desta confluencia.

Como xurdiu o Arquivo Sonoro, do que é promotor?
Comecei co proxecto hai anos e despois deixeino por circunstancias da vida. O que me ilusiona agora é esa confluencia de esforzos nun espazo novo cheo de posibilidades como é a Cidade da Cultura. Non me gusta falar dos problemas, que son evidentes, senón das oportunidades. É un espazo que hai que dotar de contidos e a mellor maneira de facelo é confluindo. O Consello da Cultura está patrocinando tamén algunhas investigacións para incrementar os fondos. Eu creo que o sonoro e o audiovisual serán característicos da Cidade da Cultura. Na tradición os obxectos está nos museos, os libros, nas bibliotecas e os papeis, nos arquivos. Hoxe hai novas categorías de documentación que medran nunha certa nebulosa.

É algo complexo. Hoxe o relativo a investigación está volcado na rede e case dá igual a presencia física. Hai un problema evidente que é que non hai diñeiro. Os medios de transporte actuais permiten estar en Santiago en 50 minutos e existe a consideración de Galicia como cidade única, porque está claro que determinadas infraestructuras non se poden montar en tódolos sitios. Por exemplo, un Palacio da Ópera non se podería montar en Ourense porque non tería público. O importante é onde están as dixitalizacións. Eu non teño medo a ese centralismo de Gaiás.

Cambioulle a perspectiva sobre a Cidade da Cultura?
Estou no Consello da Cultura, o que coñezo da Cidade da Cultura é unha parte e estou empezando a aterrar alí. Non cabe dúbida de que é un proxecto que está empezando. Ten varias realidades en montaxe, pero aínda están rematando os outros edificios. É importantísimo para min, e por iso me decidín a aceptar esa comisión de servizos para Santiago, arrimar o ombro nese proxecto. Constructivamente, é unha gran escultura que hai que dotar de contido.

Está ben encamiñada para se converter nun referente?
Eu creo que este convenio é un bo camiño. Se deben acometer outro tipo de actuacións é algo que me supera, non me quero extralimitar

Te puede interesar