Agrelo, sen pinga de auga

Ascensión Díaz observa a única fonte que abastece a Agrelo, da que non mana ni unha pinga.
photo_camera Ascensión Díaz observa a única fonte que abastece a Agrelo, da que non mana ni unha pinga.
A aldea de Agrelo, no municipio de Muíños, é un dos lugares da provincia afectados pola seca: da súa única fonte xa non sae auga fresca e os veciños teñen que ir buscala a manantiais distantes ou mercala embotellada nos supermercados das vilas.

Mentres o Concello de Muíños intenta remediar os problemas locais que provoca a seca, un dos lugares máis afectados do municipio, a aldea de Agrelo, fai fronte, dende hai días, a unha escaseza de agua inusitada no lugar: a fonte da rúa principal xa non bota nin unha pinga e das billas das casas sae un fino chorro, algo turbio, que nin sequera é potable e só serve para lavar e desaugar o inodoro.

Esta pequena veciñanza do rural sofre o problema do despoboamento: conta en verán cunha ducia de habitantes e, o resto do ano, con catro residentes. Unha das veciñas permanentes, Ascensión Díaz, de 87 anos,  abre a billa do fregadoiro da súa cociña, do que sae unha auga procedente do río, que trae con ela terra e restos orgánicos, que fan inviable o seu consumo.

A situación é crítica, e son os veciños máis novos os que van recoller a auga doutras fontes do municipio ou mercala embotellada para combater a sede. “Yo bajo al río, donde hay unos grifos, pertenecientes al ayuntamiento de Muíños, y la utilizo para beber y cocinar”, relata Manuel Oliveira, un dos veciños que pasa o estío en Agrelo, na casa que pertencera aos seus avós.

A súa filla, Iria, veu de visita á casa familiar dende Madrid cos seus dous fillos, Juan e José Manuel. Ela lava o pelo de Juan coa pouca auga que sae da villa do lavodoiro do baño da casa, en cuxa bañeira acumulan cubos cheos ata arriba. “En ningún verano habíamos vivido esto; ahora ya sé cómo vivía mi abuela”, comenta.

Outra das veciñas máis maiores, María Flores Pérez, de 90 anos, laíase dunha seca que xamais vivira: “Isto é unha pena, non hai nin para lavar cacharros e os gatiños morrían coa sede, que había que darlles de beber dunha botella”.

Ascendendo pola vía principal está a aldea de Picós, onde tamén viven co problema de ter unha fonte seca. Porén, o seu manantial, diferente do de Agrelo,  aínda  abastece auga á fontanaría do lugar, mais tampouco é apta para o consumo: “A auga para beber mercámola, de momento, no súper ou traémola da Aparecida, en Porqueirós”, explica Amelia Magalhães, veciña de Picós.

De volta en Agrelo, Ascensión e Flores observan con mágoa a auga estancada no lavadoiro da fonte. O can de Ascensión é o único que se atreve a beber do pouco líquido que quedou nun recipiente baixo o caño.do recipiente da fonte, que non bota xa nin pinguiña. Con todo, Flores ten esperanza posta nas poucas precipitacións previstas para os vindeiros días: “A ver se vén unha chuviña que axude”.

Te puede interesar