saneamento

O alcalde avanza varios proxectos fundamentais para o saneamento dos ríos Barbaña e Miño

No Miño investiranse 3.000.000€ para eliminar as verteduras procedentes da parroquia de Velle

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o concelleiro de Medio Ambiente, José Araújo, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo co presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Francisco Marín. O obxectivo da reunión era para avanzar en varios asuntos comúns entre ambas as Administracións.

Precisamente, para explicarlles polo miúdo o contido dos proxectos aos grupos políticos, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, convocou unha xunta de portavoces para o vindeiro luns, 02 de outubro, ás 09:00 horas. “A cooperación institucional permite poñer en marcha proxectos de suma importancia para os veciños da cidade, como é o caso de Velle, unha demanda veciñal desde hai décadas e na que damos pasos firmes e conxuntos para acadalo”, sinala o alcalde, Jesús Vázquez.

Durante o encontro de traballo concretaron varios aspectos relacionados co proxecto de mellora do saneamento de Velle do que en xaneiro de 2016 se asinara un Protocolo de colaboración entre ambas administracións, no que constaban varias alternativas para substituír o sistema actual de fosas sépticas por un sistema que evitase verteduras á canle do Miño que afectan á toma de auga potable da marxe esquerda do río. O investimento previsto ascende a 3 millóns de euros.

Esta mañá acordouse tamén a firma dun Convenio no que se plasmará a solución técnica máis vantaxosa, consistente na construción dun colector interceptor entre a zona de desaugadoiro de Quintela de Velle e o campo de fútbol de Casixova, que recolla e conduza por gravidade as augas residuais da zona norte da parroquia de Velle ata o bombeo provisto de depósito de almacenamento de augas pluviais, a executar na zona próxima ao mencionado campo de futbol.

O recolleito no bombeo impulsarase a través dun colector ata a rede xeral de saneamento de Ourense existente, para conducilo posteriormente á E.D.A.R. de Reza, pasando previamente polo tanque de tormentas da Lonia.

Tamén, e para continuar cos proxectos de mellora do Barbaña, estudouse a substitución do actual dispositivo de retención de sólidos e flotantes do aliviadoiro de Ponte Lebrona instalando un tamiz automático, como proxecto piloto para que, nun futuro, o Concello de Ourense poida promover unha renovación dos dispositivos no resto de infraestruturas de retención de augas de tormenta que xestiona, todo iso co ánimo de evitar a presenza de sólidos e flotantes que orixinan episodios de contaminación nos puntos de alivio e que son especialmente significativos neste aliviadoiro de Ponte Lebrona.

Este proxecto contempla, ademais, a execución dun circuíto de control que permitirá elixir o modo de funcionamento do equipo entre manual ou automático a partir dos datos de nivel de auga no interior do tanque. O investimento total que supera os 60.000 euros será sufragada na súa totalidade polo Organismo de conca.

Por outra banda, durante o próximo més de outubro comezarán os traballos de protección das Pozas do Muiño coa reparación do muro exterior que rodea as mesmas, actuacións nas que a CHMS investirá máis de 24.000 euros.

Te puede interesar