en ourense

Aldea a un minuto do centro

rural
photo_camera Celina e Víctor nas súas leiras.

Víctor Quintela e Celina Vázquez son dous dos máis de 7.000 habitantes do "rural da cidade", un oasis verde de casas con horta e animais que lindan, cada vez máis preto, cos edificios e as rúas do entorno urbano

Víctor e Celina comparten moito máis ca código postal. Modo de vida. A ruta do 32002 cobre dúas paisaxes ben diferentes, pero ben cerca: unha urbana e outra rural. Ao segundo pertencen estes veciños de Rabo de Galo e Vista Fermosa "A vella", a periferia da cidade, onde o ruído non chega e os edificios se miran ao lonxe. Segundo os datos do padrón municipal de habitantes do IGE, case 7.000 persoas viven nalgunha das 17 parroquias da cidade. A esta cifra hai que engadir zonas coma Rabo de Galo, que aínda que Víctor di que "son independentes", pertencen á zona rural de barrios coma O Couto. 


"O que vale unha verza"


"A que non se escoita nada? Aquí non hai xente pisando no piso de arriba, nin ruído de tuberías, nin coches. Como moito un can!", conta Víctor Quintela, veciño de Rabo de Galo que xa probou a vida no centro da cidade. "Non cambio isto por nada. Ademais, meus pais están afeitos, non os vou meter nun piso cando levan toda a vida aquí", explica. Aínda que traballa na cidade, a vida no rural ourensán é o seu segundo traballo. "Tranquilamente tres horas ao día hai que adicalas a coidar a finca, ás veces máis. Hai que botarlle de comer aos animais, coidar as cepas, regar...A xente non sabe o que vale unha verza!", conta este veciño de Rabo de Galo. Leitugas, pementos, tomates, cebolas, allos, cereixas, limóns, peras, fresas, framboesas... O supermercado teno na casa.


"Non cambio isto por nada"


Na compra tamén aforra bastante Celina Vázquez, veciña de Vistahermosa que ten unha finca na parte vella do barrio. En Vista Fermosa "A Vella", como coñecen esta parte os veciños–viven 162 persoas, segundo os datos do IGE. Despois de Trasalba e Montealegre é a parroquia do Concello de Ourense máis deshabitada. "Non cambio por nada vivir aquí. Isto é moi tranquilo e teño de todo. Fabas, xudías, berenxenas...E paso o tempo. Planto unha leituga, arrinco unha herba, uns tomatiños...Ao Couto chego en cinco minutos!", resume Celina Vázquez as vantaxes de vivir no rural da cidade. Pinto, o seu can, parece que tamén o "agradece". Corre libre pola finca na que esta muller coida outros animais. "Teño unhas 15 galiñas", di, mentres fai reconto para botarlles pan. E aínda que pase "case todo o día" na horta, ter as cafeterías a un paso é outro dos beneficios de vivir nesta zona. "É que están aí abaixo. Vou sempre tomar café coas miñas amigas, non son destas vellas que se quedan na casa", bromea mentres mira ao horizonte, onde os edificios se ven cada vez máis cerca. 

Te puede interesar