arte

Alexandre Bóveda, o "rostro" para reivindicar o día da Galicia Mártir

Amalia Bóvedae Manuel Baltar,
photo_camera Amalia Bóveda, filla do galeguista Alexandre Bóveda, e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, fronte ao cadro de Castelao (XESÚS FARIÑAS).

A antiga biblioteca do Pazo Provincial acolle o cadro "A derradeira leición do mestre", baixo a mostra "Castelao e Prada, irmaus!"

"Aínda me tremen as pernas", confesaba Amalia Bóveda, a única filla viva do ilustre Alexandre Bóveda, tralo acto de recepción da obra pictórica icónica do galeguismo. Sempre ao carón do seu neto, Valentín García Bóveda. "A derradeira leición do mestre", a homenaxe de Castelao ao seu amigo ourensán asasinado o 17 de agosto de 1936, xa loce na antiga biblioteca do Pazo Provincial.

A obra, que o 7 de abril regresará á súa ubicación de sempre, o Centro Galego de Bos Aires, forma parte da exposición "Castelao e Prada, irmaus!", unha homenaxe aos "bos e xenerosos" que une a Castelao, Bóveda e Prada. Unha declaración de intencións. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, subliñou o "ideario social e económico de Alexandre Bóveda, para que o seu rostro e o seu sacrifico sexan os da memoria de todos os mártires galegos". O presidente provincial anunciou que levará ao pleno da Deputación de Ourense a proposta da Fundación Bóveda para que o 17 de agosto, Día da Galicia Mártir, "acade a consideración e o ámbito institucional que lle corresponde".

Amalia Bóveda, coa emoción nos ollos e a voz entrecortada, fixo referencia á "dor sostida" de atoparse coa visión deste lenzo. "Pero hai compromisos dos que non quero fuxir", engadiu. "A memoria é molesta, é festiva, pero tamén triste. A memoria é pasado pero aínda ten que ser presente e debémola facer cada vez máis pública, sen medias tintas. Temos unha leición que poñer en práctica", dixo a filla de Alexandre Bóveda. E volveu reivindicar o día da Galicia Mártir. O 16 de agosto de 1942 os integrantes da Irmandade Galega, encabezados por Castelao, celebraron por primeira vez no Centro Ourensano de Bos Aires, o Día dos Mártires Galegos.  "O contexto é favorable e os nosos irmáns non entenderían que nos coloquemos de perfil. Veríano como unha traizón á memoria. É momento de ser valentes, de espallar as leicións do mestre", enfatizou Bóveda, co aplauso dos asistentes. 


A pegada da emigración


José María Vila Alén, presidente do Centro Galicia de Bos Aires, mostrou o seu desexo de que a "pegada" da emigración non sexa allea a ninguén. "Que se de a coñecer nas escolas, entre os mozos", apuntou. Sobre o cadro, Vila Alén dixo que é "unha chamada para o pobo galego, que representa a Galicia que non coñece de fronteiras artificiais, homenaxeando a Alexandre Bóveda, que loitou a prol da súa terra e espallou esperanzas de futuro, algo que Castelao soubo reflectir perfectamente".

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destacou que "Ourense é de novo a Atenas galega" e reivindicou a mensaxe de que "non debemos esquecer o pasado e a forza da educación". 


Baltar reivindica o galeguismo  "sen epítetos nin apelidos"


O sentimento galeguista e a loita pola recuperación da memoria estiveron presentes en cada un dos discursos. 

Manuel Baltar reivindicou a "conciencia galeguista" diante da obra de Castelao, ao carón das cinzas de Rodolfo Prada e da súa dona, Manuela Fraga. "Temos en Ourense a Castelao, representado a través da máis abraiante e conmovedora das súas obras maxistrais. É a obra que máis e mellor esperta as conciencias", destacou o presidente provincial. 

Rematou Baltar o seu discurso salientando que con Castelao, Bóveda e Prada, e con Otero Pedrayo, Risco e Cuevillas, "sentaremos os alicerces do centenario de Nós, porque cremos no galeguismo sen epítetos nin apelidos, e porque temos o deber de honrar a todos os bos e xenerosos".

 Luís González Tosar, presidente do PEN Clube Galicia, destacou o papel do Partido Galeguista, "do que recibimos a estirpe dos bos e xenerosos". "Nada lle gustaría máis a Castelao que a súa obra entrara na Auria que o acolleu", engadiu.

Vila Alén reivindicou o alicerce da "memoria" e o "fío invisible" do cadro de Castelao que "nos use coa nosa historia galega, presente en cada recuncho do mundo".

Román  Rodríguez destacou a Ourense como "berce do galeguismo" e recordou a importancia que terá o centenario da Xeración Nós en Ourense, que contará con diversa programación en 2020. O himno galego puxo fin ao acto. 

Te puede interesar