Arte et alia

Alexandro e a cartografía emocional da terra dos Nerios

Fátima Otero, Alexandro, José Luís Teófilo e Alberto Cacharrón
photo_camera Fátima Otero, Alexandro, José Luís Teófilo e Alberto Cacharrón

A fulcral pintura que está a desenvolver na súa madurez vital e artística Alexandro (Alejandro González Cruz, n. Ourense 1945) despregase aquí, na sala 0 do CCMV, da Deputación, cun savoir faire máis alá do cometido puntual de ilustrar un texto. O seu traballo tenta poñer en valor as crenzas destas terras do N.NO., antigos espazos habitados na época prerromana polos Nerios. Aquí en Muxía, comparte dende fai lustros tempo e vida, aquí crea ata agora na calma e tranquilidade do seu taller, afastado daquela súa vida urbana de Ourense. As obras, desta volta con acuarela, gouache e grafito, expresan a verdade duns seres indómitos que se moven abaneados polo instinto loitando contra a forza da natureza indómita, vento, chuvia, e tamén néboa. Máis é o luminoso camiño da Vía Láctea, coa lúa e o sol co seu baile, a linguaxe raíz desta terra e xentes. Aquí o marabilloso é real e cotiá, logrando cartografar nas fráxiles figuras dos camiñantes a subxectividade do eu. O seu corazón late coas escenas de movementos en diagonal “como marcadores de destino”, no sentir de Fátima Otero, a prologuista e comisaria da exposición. 

Mitos e supersticións se configuran como sombras co xesto da mancha casual dende a que prolonga o trazo e superpón liñas co grafito para captar as cosmogonías do sentimento telúrico combinado co astral. Así o Vákner do peregrino armenio Mártir, bispo de Arzendjan; ou a Santa Compaña, na praia de Fisterra, Langosteira, preto da mítica Duio, o importante porto de abrigo dos Ártabros, asolagado pola intervención de Santiago. En relación co rei dela, e a raíña Lupa polo medio, derrubouse a ponte das Pías por determinación de Dios omnipotente, segundo o Libro III do Códice Calixtino. Máis segue a ter peso o camiño astral, máis aló do físico, e as crenzas panteístas en relación co destino humano e da súa alma. Así tamén a Ara Solis de Fisterra, quizais cristianizada na capela de San Guillerme. A ascensión e o descenso co Carro do sol, como fixera o propio Santiago, quen chegara nunha barca de pedra en sete días ao porto de Iria, foi estudado todo elo polo profesor Fernando Alonso Romero en diferentes traballos, e nunha guía en 1993; como tamén por Antón Pombo, historiador e periodista, en 2019. 

A visión panteísta de Alexandro dende a súa atalaia batida polos ventos da Costa da Morte ponse a disposición da “Senda proscrita”, o breve e suxestivo texto de Alberto Cacharrón que ofrece en petiscos nun elaborado estilo fragmentario un percorrido no tempo dende as súas raíces na Idade do Ferro, e pon en formato-libro Teófilo Edicións, en letra caligráfica de trazos angulares, ideal para ollos vintage, a dúas tintas, vermella nos títulos e cursiva, negra no texto, e as iniciais de gran corpo cunha filigrana vexetal doutra cor nun papel que semella vello, un  traballo de mérito. “Pra onde vai este camiño?”, preguntou o forasteiro, “Vai pra ningures”; “Cómo ningures?”, respondeu, ao que lle retrucou o paisano “Si señor, o camiño non vai, vaise por él”. Así o recolle en Galicia máxica Antón Fraguas. Mais Caminad por las bellas rutas de Occidente por donde andan los protegidos en la morada del Gran Dios, como se lé na mastaba de Akhetep, ca. 2400.

Te puede interesar