arte et alia

Alfonso Sucasas: entre a música, o bar e o silencio da natureza

"Follas", 1990
photo_camera "Follas", 1990

Resúltanos emocionante volver a ver as obras deste mestre a quen coñecemos en Santiago a finais dos anos setenta

Alfonso Sucasas Guerra ou o pintor da soidade, concepto que para o crítico de arte José Hierro era ‘o reino do vento’, expresión de alento poético na que se descobre o o madrileño como vate, en realidade o seu oficio principal. Mercedes Rozas comisaría a exposición, colocada na sala principal do centro cultural da Deputación de Ourense, e utiliza a frase como título desta pequena, mais non menor, mostra retrospectiva do artista. Resúltanos emocionante volver a ver as obras deste mestre a quen coñecemos en Santiago a finais dos anos setenta cando comezaba, coa alongada sombra de Laxeiro nas costas, mais xa daquela cun vocabulario plástico singular, curvilíneo e de formas terrosas nas que pugnaban por saíren as cores, dende os seus medos, mentres acoitelaba a luz. De contado, na década seguinte, foi quen de conseguilo, como podemos decatarmos aquí cos nosos ollos: fragas e carballeiras, prantas e follas especialmente, dende as que elabora unha mística da forza, e da luxuria, lembrándose dos mundos de Venezuela e Brasil e a súa calor, dunha feracidade que nos acubilla coas súas formas curvas de formulación escultórica. As mulleres e os seus xestos, espidas e de costas, mulleres miradas e admiradas ás agachadas, por tras dos seus corpos nús, liberados das roupas e gozando da súa liberdade diante do sol e das augas da Lanzada. Aquí, as veces, documentándoas ofrecidas para conseguir a fertilidade coas nove ondas da mar a noite de San Xoán, ou no día da Virxe, unha temática de base etnográfica, e máxica. E mulleres no bar, espazo sempre tan de homes ata os tempos da Democracia... Soas ou xuntas, mais sempre libres. E con eses temas, en óleos de formato medio, están outros, tan seus como o do entroido, aquí evitado, e o dos xogadores de cartas, que tantas veces tiña observado nos bares e tascas. Escenas de interior, como as dos bodegóns e naturezas mortas, nas que as pillarías implícitas dan paso á retranca dos trileiros. As cores flotan sobre os corpos, como as entoadas formas sobre os rostros, nunha paleta cromática sempre ampla e expresiva. Gran debuxante, práctica omnipresente das súas obras, exhibida nos catro acaídos bosquexos de música, expresada nas bailarinas con pandeiretas e os músicos populares das festas dos pobos, que son os protagonistas. 

Esta retrospectiva institucional do gran artista ven precedida da feita no lucense Pazo de San Marcos en outono de 2016, coordinada por Carlos Bernárdez quen, co seu costumismo transcendido por proa, pescudou no seu legado plástico. Mais ten sido a de Miguel Fernández-Cid, amosada cando facían cinco anos da súa morte no Museo de Belas Artes da Coruña entre decembro de 2017 e febreiro do ano seguinte, a revisión máis ampla e fonda, para a que xuntou máis de sesenta pinturas e debuxos datados entre 1957 e 2010. Esta achega de Ourense do artista da comarca do Deza, de San Miguel de Goiás, Lalín, onde nace en 1940, e morto na Vila de Cruces en 2012 abrangue apenas as décadas dos oitenta e noventa.

Te puede interesar