ENTREVISTA

Alfredo Conde: "A novela non é a dun santo, o milagre de Benigno Moure son as setenta residencias"

OURENSE. 30.06.2014. SIMEON, FORO LA REGION: ALFREDO CONDE. FOTO: MIGUEL ANGEL
photo_camera Alfredo Conde, que acaba de publicar "Era la soledad".

"Era la soledad" é o título do novo libro do escritor alaricano Alfredo Conde. Unha biografía novelada do cura que puxo a semente da Fundación San Rosendo, Benigno Moure.

"Era la soledad" é o título do novo libro do escritor alaricano Alfredo Conde. Unha biografía novelada do cura que puxo a semente da Fundación San Rosendo, Benigno Moure. O balneario de Laias converteuse durante meses en oficina: "Pecheime alí para escribir e baixaba a Ourense cando necesitaba entrevistarme con alguén relacionado con Benigno. Testemuños a favor e en contra da súa figura", explica o escritor. Porén, as citas con Benigno Moure estaban máis que programadas: os luns ás 9 da mañá.

Como empezou esta biografía novelada?

Uns amigos meus e de Benigno Moure acordaron que como ía cumprir 85 anos querían facerlle un regalo e pensaron que podería ser un libro que falase del. Propuxéronmo a min e o principio entendín que querían que fixera a biografía de San Rosendo. Do Santo! Puxen unha cara moi rara ata que me explicaron o que querían: un libro sobre o presidente da Fundación San Rosendo, Benigno Moure. Así que novelei a súa biografía coa liberdade que me supón o feito de ser novelista.

A idea de biografía descartouna desde o principio?

Si, quixen unha novela que siga a súa traxectoria vital. Acepteina. É unha idea rara, un desafío e algo distinto ao que levo feito. Pasei catro meses pechado indagando e falando cuns e con outros. Xente a favor e en contra da súa figura.

No balneario de Laias.

Si, traballando tranquilo e cerca de Ourense para baixar cada vez que necesitaba falar coa xente. E con Benigno. É un home de moi poucas palabras.

Como o coñeceu?

Preguntáronme cando quería velo e dixen: "mañá". Presentáronmo e a partir de aí os luns ás nove da mañá víamonos e eu "confesábao". Falei moito con el, é moi tranquilo e repousado. Un home que pasou a vida traballando, rezando e xogando ás cartas cos amigos.

E fumando Ducados...

Si. Non é unha vida de aventureiro, é unha vida aventurosa. Esa é a conclusión que eu saquei. Haberá xente que non estea dacordo con que escribira a vida de Benigno Moure ou como a escribín, porque non é a vida dun santo. Non hai milagres. Para min o verdadeiro milagre é ter 70 residencias da Fundación San Rosendo. Todos os santos son santos por traballar para os demais, e iso é o que fixo Benigno Moure.

Que foi o máis complexo da súa figura á hora de retratalo na novela?

Esas poucas palabras. É un home dunha sinxeleza absoluta. Preguntáballe: que fas os domingos? E dicía: pois xogo ás cartas cos amigos e o que perde ten que poñer a cabeza debaixo da mesa. E xa está. É un home sinxelo e preocupado polos demais. A min paréceme unha figura moi paradigmática. Respectei as cintas do xuízo literalmente. Cando o ves dis 'isto é unha espiral de disparates'. Como pode ser un xuízo así? E nesa espiral saíron mal parados, tanto el como Etelvino Blanco. Son vítimas dun enfrontamento que tiña máis de ideolóxico que de convencemento propio. Benigno Moure é unha figura controvertida e moi importante para Ourense. Falei e preguntei a moita xente sobre a súa figura.

Máis voces a favor ou en contra?

Cando empezaba a falar con algunha persoa contraria a el, –de distinta ideoloxía ou nunha distancia política– ao principio estas persoas mostrábanse renuentes. Pero cando vían que se podía introducir un comentario a favor ou eloxioso, nese momento abríanse e empezan a contar cousas favorables. O que pasa é que ás veces créanse correntes de opinión e non hai Dios que lles dea a volta, ata que o tempo peneira todo. No libro van pasando outros personaxes como Franqueira ou o Padre Silva, que fixeron cantidade de cousas e tiveron mal pago.

A novela pode face virar esas opinións distintas sobre Moure?

Non era a miña intención. Eu conto uns feitos tal e como eu os vexo. "Como falas así desa maneira do xuízo na novela?", dime algún amigo que xa a leu. Pero é que se eu escribo unha novela, está suxeita a críticas. Non pretendín nin falar en contra nin a favor de Benigno Moure. Non hai persoa que vira o xuízo tantas veces coma min, nin que lera as actas tanto coma min. Eu neste proceso pensaba: 'como lle están preguntando isto?' Vía unhas cousas que fan pensar que este home non tivo a defensa máis desexable. El sempre foi polo camiño que cría recto. A Benigno xa o xulgaron e condenaron, agora o que hai que xulgar é a novela. Unha das cousas que me dixo e que máis me sorprendeu foi: "Ti escribe o que queiras, pero con humor". El quería que contara as cousas sen acritude, e creo que están contadas así. Desde as primeiras partes da novela nas que se relata a súa infancia e mocidade, pasando polo xuízo e ata os capítulos finais. Penso que fixen un tratamento aséptico que favorece á novela.

As carencias dos nenos, os ritos do rural... Hai una descrición minuciosa da Arnoia natal de Benigno Moure.

Si, e iso explica bastante ben a estrutura persoal de Benigno.

“Entonces la vida era así" cae a modo de sentencia nos primeiros capítulos.

É que daquela era así e xa non é. Este mundo non ten nada que ver con aquel e Benigno Moure está trasplantado daquel sistema de valores a este, e influído pola figura do seu tío-avó. El é consecuencia de todo iso e adicou unha vida enteira á entrega aos demáis.

“Era la soledad" que pista do título lle dá ao lector?

Todo o que fixo Benigno Moure vese na xente que o admira moito e que ten ao redor, pero nos momentos serios eu creo que estaba só. Ao xuízo foi acompañado sempre, pero na novela vai só. Eu entendía que necesitaba que fora só. "No era la soledad"de Benigno, el ten a súa propia fe e as súas conviccións.

A soidade é a dos demais?

Sí, a soidade que se cita na novela é outra. Non creo que el estea so.

Benigno Moure leu a novela?

Si, supoño que si. Algún comentario me fixo. (risas)

Te puede interesar