Amigos da República cede o seu fondo á Deputación de Ourense

Manuel Baltar, presidente provincial, e David Cortón, representante de Amigos da República, onte no Pazo Provincial.
photo_camera Manuel Baltar, presidente provincial, e David Cortón, representante de Amigos da República, onte no Pazo Provincial.
O goberno provincial dixitalizará un arquivo "importante na historia recente"

nnn A Deputación de Ourense custodiará o arquivo documental da Asociación de Amigos da República de Ourense. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, reuniuse onte co responsable da entidade, David Cortón, no Pazo Provincial, onde deron a coñecer a nova. Estes fondos documentais da historia recente de Ourense estarán ubicados na Biblioteca da Deputación, con sede no centro cultural Marcos Valcárcel. Neste espazo atópanse publicacións periódicas, prensa histórica ourensá e valiosas bibliotecas de autor como as dos intelectuais Educardo Blanco Amor, Ben-Cho-Shey, Tizón, Xesús Alonso Montero ou Pura e Dora Vázquez. 

“Historia da nosa provincia"

O goberno provincial anunciou que ademais da custodia e o arquivo do material de Amigos da República, nun futuro prevese levar a cabo a dixitalización destes valiosos fondos documentais. "O obxectivo é pór en valor as historias persoais que conteñen os documentos, que resultarán de interese para a historia da nosa provincia, un legado que acollemos co máximo respecto e coa finalidade de poder darlle un axeitado tratamento para que este documentos, que relatan unha importante parte da nosa historia recente, se poidan conservar", subliña Manuel Baltar.

Amigos da República

O responsable da Asociación Amigos da República de Ourense, David Cortón, representou a todo o colectivo na entrega da documentación á Deputación, celebrada onte no Pazo Provincial. Este acontecemento, co fin de preservar o legado da asociación, é ben acollido polos Amigos da República de Ourense. 

Libros, discos e fotografías

Un dos membros fundadores da asociación, Míchel Escauriaza, explica que "as distintas carpetas conteñen as actividades promocionadas en Ourense que se fixeron dende 1998 ata 2008 e o que xeraron". Neste senso, unha ducia de carpetas conteñen documentos e referencias a edición de libros, discos, fotografías... "Cada ano adicábase á memoria dunha persoa ou institución e nese entorno facíanse varias actividades", lembra Escauriaza . 

"O sentido da custodia do noso arquivo por parte da Deputación é que se trata dunha documentación dun colectivo de anos , facenda homenaxe a diferentes persoas de Ourense e deixa testemuña para que algún estudoso ou persoa con interese no tema teña esa documentación de man. Entendimos que o mellor sitio era a Biblioteca da Deputación ourensá", indican dende a Asociaciónde Amigos da República de Ourense. 

O coronavirus freou a actividade da asociación

A crise sanitaria provocada pola pandemia do coronavirus tamén afectou ao groso da programación anual de Amigos da República. En pleno confinamento tiñan que celebrarse as súas tradicionais Ceas da República e a homenaxe ás persoas fusiladas no Campo de Aragón e no Cumial, extensible a todas as vítimas do franquismo, e que se facía cada mes de abril no cemiterio de San Francisco. Unha das últimas actividades que fixeron foi en febreiro, en colaboración coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, que organizou diversos actos de homenaxe no Liceo. 

Te puede interesar