La Región

LETRAS GALEGAS

Amigos e intelectuais piden as Letras Galegas para Tovar

Hoxe conmemórase o 15º cabodano do poeta de Rairiz de Veiga, un pesimista ás veces "esquecido"

Amigos e intelectuais piden as Letras Galegas para Tovar

O Grupo Tovar, no que se xunta un conxunto de intelectuais ourensáns e amigos en torno á figura do egrexio poeta Antón Tovar Bobillo, fai un chamamento á sociedade ourensá para facer presión e pedir o Día das Letras Galegas 2020 para o autor. A Real Academia Galega adoita elixir antes do inicio do verán quen será o homenaxeado polas Letras para o ano seguinte, e Ourense non quere quedar atrás e quere aproveitar o 15º aniversario do seu pasamento, que se cumpre hoxe, como lanzamento. Antón Tovar Bobillo.

O escritor limiao, nado na Pereira (Rairiz de Veiga), é un referente poético na literatura galega, aínda que a súa figura semelle ás veces adormecida ou "esquecida", tal e como recoñece Pura Veiga, membro do Grupo Tovar e unha das promotoras do evento que este martes 18 se organiza na sede temporal do Ateneo. 

O Grupo Tovar, que adoitaba xuntarse no Pingallo, realizaba unhas animadas tertulias literarias de postín, con destacados escritores e intelectuais, todos con Antón Tovar como nexo común. Víctor Campio; Segundo Alvarado; Agustín Perianes; as tres organizadoras do evento (Marisa Calvo, Pura Veiga e Dolores López Alonso); Ramón Area, Antón Risco, Carme Carballo, Santiago Lamas, Manuel Zabal, Manuel González Pereira, Eduardo González Ananín, Augusto Valencia... Son algúns dos nomes que acompañaron a Tovar naquelas alegres tertulias, que se facían, primeiro no Marinto e logo no Pingallo (nalgunha ocasión tamén no Liceo) cando as forzas de Tovar xa non eran as mesmas.


Para saír da casa


"Levabámolo ás tertulias todos os xoves, para que saíse da casa", explica Veiga. E é que este home "que pasaba a vida no Ateneo, era a súa casa, o seu traballo e as súas horas de ocio", segundo Rosa Casado, administrativa desta institución e sucesora do posto que deixara o poeta. Entrados os anos 90, eran os amigos os que o animaban a participar nestas animosas tertulias e non afondase nese pesimismo e tristura que tan fielmente reflectía na súa obra. Precisamente, lembra Veiga, foi tamén un xoves a derradeira cita do seu "grupo de amigos" co poeta limiao. Desta volta, non foi a cita máis querida, fora un 16 de xuño de 2004 no cemiterio de San Francisco. 

Tovar Bobillo deixou un baleiro moi grande nunha sociedade ourensán que agora ben debería recopensarllo apoiando a reivindicación do Día das Letras Galegas, alomenos así o consideran desde o grupo e o Ateneo. "Deberían sumarse Ourense e A Limia", insiste Casado. 

Un home que tomou o legado da Xeración Nós, cos que mantivo contactos nos seús inicios, que pertenceu á denominada "promoción de enlace" e que na súa obra sempre amosou unha fonda preocupación polo social, até pola busca dun Deus no que nunca creu. "Era ateo convencido", subliña Veiga. A súa militancia comunista levouno a ser expulsado de funcionario en Facenda no 1967. Era home de principios. 


Sabios


"El e Campio eran sabios, como os da Xeración Nós, pero non foron tan reivindicados, estiveron olvidados. Tovar ou Campio foron continuadores de Nós", engade Casado, amiga do escritor. "É unha mágoa que non queden tertulias coma estas hoxe e en día, onde se fale dos libros que se len, con internet todo cambiou", lamenta Casado. "Si, Ourense sempre foi de tertulias, e esa era un pracer", engade Veiga. 

Agora loitan por enxalzar a súa figura e que o ourensán non quede atrás pola carreira das Letras – as candidaturas de Francisco Fernández del Riego e Chan Piñeiro xa andan en marcha–. "Sendo mañá (por hoxe) o aniversario, había que volver traer a Tovar ao Ateneo, onde el "vivía", e agora é o momento de facer o chamamento á Real Academia Galega". O ano pasado outras institucións como o PEN Clube ou ata o PP de Xinzo de Limia pedira esta distinción para un ilustre. 

"Aínda que hai moitos que o merecen, nós pedimos que sexa Tovar, é o momento de consideralo", conclúe Casado. Toca que o mundo ourensán se sume aos apoios. Nunca é tarde para facelo. 


Homenaxe ao autor, este martes, e aberto a toda a sociedade ourensá


O Grupo Tovar e oAteneo invitan a toda a sociedade ourensá ao acto deste martes, ás 20,00 horas, no  Centro Cultural Marcos Válcárcel.  Edelmiro Vázquez Naval, quen tamén fora da directiva do Ateneo, pechará o evento, no que reivindicará a petición de que a figura de Antón Tovar sexa recoñecida canto antes pola Real Academia Galega. 

No acto terán un papel importante tres amigas de Tovar, tres membros destacadas do seu grupo: Marisa Calvo, Pura Veiga e Dolores López Alonso. 
Xulio Valcárcel, pola súa banda, abordará a figura tanto persoal como poético do autor limiao, namentres que durante o certamen recitaranse poesías especialmente adicadas a Tovar e escritas por amigos como Vázquez Naval, Segundo Alvarado ou Dolores López. 

Esta homenaxe polo 15º aniversario da morte deste bo e xeneroso ourensán ten que servir, como así o esperan os organizadores, como lanzamento do seu recoñecemento por parte de toda a cultura galega. 

A Real Academia Galega analiza durante estes días posibles nomes aos que dedicar o Día das Letras Galegas do 2020, polo que calquera iniciativa pode ser clave.