Homenaxe

Amoeiro adicará unha rúa ao primer alcalde post-franquista

O vindeiro sábado, 5 de maio, descubrirase a placa de quen foi o primeiro alcalde de Amoeiro tras a caída do réxime franquista, José González Pérez

O Concello de Amoeiro honrará, a título póstumo, a José González Pérez, primeiro alcalde democrático post-franquista, dedicándolle o nome dunha rúa do municipio.  Con este acto de honra pública, o Concello que dirixe o socialista Rafa Villarino busca "exaltar os valores da democracia na administración máis próxima á cidadanía". 

O vindeiro sábado, 5 de maio, descubrirase a placa de quen foi o primeiro alcalde de Amoeiro tras a caída do réxime franquista, José González Pérez. Este acto coincide co aniversario do seu falecemento, e desenvolverase diante do seu domicilio familiar, ás 20,00 horas, tras celebrarse unha misa na súa honra ás 19,00 horas na igrexa parroquial de Santa María de Amoeiro.

A finais de 2015, aprobouse un acordo plenario para dedicar rúas a alcaldes da etapa democrática. En abril de 2016 instalouse a primeira delas, unha placa da rúa que honra a figura de Castor Sánchez Martínez, alcalde asasinado en 1936.


Outras distincións


En xuño de 2013, designáronse como membros de honra da coporración municipal amoeiresa ós concelleiros e das corporacións democráticas, e se outorgou a Medalla de Ouro ao propio José González Pérez.

En xuño de 2014, nomeouse  como membros de honra da corporación municipal –a título póstumo– aos 12 que a formaron durante a II República, e entregouse a medalla de ouro municipal a dous dos tres alcaldes que dirixiron o municipio entre 1931 e 1936: Castor Sánchez Martínez e Manuel González.

Daquela, non se puido conceder a medalla de ouro ao rexedor daquela etapa, José María González González, porque o regulamento municipal de honra e distincións só permite dous galardóns por ano. 

Te puede interesar