ÁREA METROPOLITANA

Amoeiro demanda unha gardería e un centro de día

O Concello fíxose con dous inmobles para pedir á Xunta estas infraestruturas

O Concello de Amoeiro solicitará á Xunta de Galicia a creación dunha residencia ou centro de día e unha gardería no municipio, logo de ter adquirido dous inmobles urbanos no entorno da principal zona pública do municipio. Ambos suman case 4.000 metros cadrados de superficie, aos que se engaden arredor de 1.500 m2 tamén municipais que están na parte posterior do CEIP Ramón Otero Pedrayo. 

Coa obtención destes espazos, o alcalde socialista, Rafael Rodríguez Villarino, considera que o concello ten "suficiente superficie pública para edificar infraestruturas das que carece, como son residencia de maiores, escola infantil e vivendas de protección oficial". Ademais, o  alcalde presume de que a adquisición dos inmobles urbanos fíxose "sen necesidade de recorrer a créditos" . 

O rexedor amoeirés reunirase mañá co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños, a quen lle fará as demandas de construción das devanditas infraestruturas, poñendo o acento no centro para maiores. "Non existe ningunha residencia pública, nin tampouco un centro de día ao que poida dirixirse a xente de máis idade para ser atendidos, e o centro de día máis próximo, que é o de Coles, está ao límite da súa capacidade", explica Villarino. 

"Xustiza social"

O rexedor de Amoeiro considera que o municipio precisa "por razóns de xustiza social" tamén unha gardería, "sendo obriga das administracións públicas garantir a prestación destes servizos".O concello de Amoeiro "non pode estar discriminado respecto a concellos lindeiros que contan con estas instalacións públicas con menos motivos obxectivos para xustificalas", engadiu Villarino.

A construción da residencia e da escola infantil foron os motivos polos que o alcalde solicitou unha entrevista co conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, en novembro de 2017 ante o que houbo "ausencia de resposta", sinala.

Envellecemento por riba da media da provincia

Amoeiro levará á reunión no Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar as súas esixencias apoiadas por datos estatísticos. Amoeiro ten  unha idade media de 53,81 anos, superando á media provincial, que se sitúa en 50,06. Así, a porcentaxe de persoas maiores de 65 anos de Amoeiro é do 34,71% fronte ao 30,72% a nivel provincial. 

Te puede interesar