Amoeiro presenta á Xunta o proxecto dun novo albergue

Gabriel Alén visitou onte o centro de saúde de Amoeiro.
photo_camera Gabriel Alén visitou onte o centro de saúde de Amoeiro.
O alcalde trasladoulle a Gabriel Alén media ducia de peticións e queixouse das poucas axudas 

O Concello de Amoeiro vén de presentarlle á Xunta un proxecto para a construción dun albergue municipal que axude ao concello a rendibilizar as rutas do Camiño de Santiago que pasan polo municipio ourensán: a Vía da Plata e o futuro Camiño de Nós. O alcalde, José Luis González, entregou persoalmente ao delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, este proxecto co que están “esperanzados” en que fructifique. “Penso que somos un punto estratéxico porque o albergue do noso concello uniría os de Ourense con Oseira e faría as etapas máis sinxelas”, indica.

Outras peticións

González aproveitou a visita de Alén para trasladarlle outras demandas que necesita o municipio. Con todo, o alcalde queixouse de que “moitas das propostas que lle trasladamos dende o Concello de Amoeiro veñen denegadas”. Unha desas é a mellora da eficiencia enerxética da casa da cultura, que, aínda que presentaron tres alternativas diferentes, todas foron rexeitadas.

Outra das propostas denegadas foi a renovación dun parque infantil por un importe de 48.000 euros. Así, González explica que o Goberno local destinará fondos propios -a través dunha modificación de crédito aprobada no último pleno- “porque os veciños necesitan as infraestruturas e non podemos estar esperando sempre”. O que isto implicará será o recorte noutros investimentos ás que se ía a destinar ese diñeiro. 

Outros temas de conversa entre González e Alén foron a mellora do Camiño de Santiago en Vendanova, onde xa se ampliou “un treito de 1.200 metros e quedan outros 500 para rematar o tramo”. O rexedor insistiu con outra das demandas históricas en Amoeiro, a renovación do peche da escola, “que ten máis de 40 anos e é urxente renovalo”. Recoñece que “se ben é certo que se fixo un pequeno anaco, queda a meirande parte do muro por renovar”.

Te puede interesar