área metropolitana

Amoeiro prevé a mellora de accesos e viais en 12 núcleos

Licita por 96.000 euros o proxecto de actuacións, que inclúen a mellora do firme e da explanada do polideportivo

O Concello de Amoeiro acometerá melloras no firme en 12 núcleos do municipio, dentro do  Plan provincial de cooperación da Deputación de Ourense, cun orzamento de 96.000 euros e que terá un prazo para ser executado de seis meses, unha vez se adxudiquen as obras e se asine a acta correspondente. 

O proxecto, que vén de licitarse onte mesmo, recolle obras en Amoeiro, Sabariz, Loureiro, O Priorato, O Seixo, Bacurín, Chacín, Santabaia, A Bergueira, Cerval, Sanxiago e As Quintás. 

As  actuacións  que  se  enmarcan  neste  proxecto  inclúen  a  mellora  do  firme  e  da  capa  de  rodadura  das  estradas  de  ámbito  municipal  e  entornos  públicos  en  núcleos  ou  zonas  comúns. 

En Amoeiro, arranxaranse fochancas e irregularidades xurdidas co paso dos anos na estrada municipal do entorno do polideportivo e o tanatorio. Tamén se pavimentará a entrada ao pavillón. 

Tamén se mellorará o vial que une o núcleo de As Quintás e Cima de Vila, con treitos cheos de fochancas e nos que se fai complicado o paso de dous vehículos á vez. 

En Bacurín, acometeranse melloras no pavimento ao paso polo núcleo, para facilitar o tránsito de vehículos, mentres que en Cerval arranxarase a saída da aldea na súa conexión coa OU-0525, que precisa melloras urxentes. 

mellora da seguridade

Non só se trata de acondicionar o firme, senón que en Os Casares, as obras faranse no terreo onde está o edificio da asociación de veciños, onde tamén hai hórreos tradicionais e un lavadoiro mal conservados, cun reforzamento da seguridade coa construción dun muro e unhas barandas. O obxectivo neste caso é mellorar o tránsito polo camiño existente  a  carón da casa social. 

Te puede interesar