entrevista - vida

"Amor a primeira vista"

mtp4921_result
photo_camera Xosé Antonio Rodríguez

A guitarra e Xosé Antonio forman un tándem perfecto, entre eles se escoitan e se apoian de xeito terapéutico, dando como resultado acordes cheos de maxia. 

Xosé Antonio Rodríguez define o seu coa guitarra como un "amor a primeira vista". Formado nos conservatorios de Santiago e no Superior de A Coruña, e cunha morea de cursos, clases maxistrais e privadas con prestixiosos guitarristas, ten ofrecido concertos con agrupacións camerísticas e como solista, así como exerce de docente. A guitarra e Xosé Antonio forman un tándem perfecto, entre eles se escoitan e se apoian de xeito terapéutico, dando como resultado acordes cheos de maxia. 

Cóntenos, como comezou no mundo da música? 

A verdade, é que de casualidade, primeiro nunha asociación cultural e cando vin que me gustaba e se me daba ben matriculeime no conservatorio de Ribadavia. Alí tiven o meu primeiro profesor de verdade, Amadeo Neira, que aínda hoxe me continúa ensinando cousas moi interesantes deste mundiño. 

Decantouse pola guitarra, houbo algún motivo para elo?

É unha historia que lle contei moitas veces aos meus coñecidos, pero totalmente certa. A primeira vez que collín unha guitarra nas mans babeime de tanto que tiven a boca aberta. Foi un amor a primeira vista que non se rompeu nin despois de tantos anos de estudo.

A guitarra é un instrumento arraigado na cultura popular española, especialmente andaluza, fálenos desa influencia na súa música.

O que dis é certo, hai unha tradición que vén da cultura popular e a súa influencia é moi grande, pero hoxe tamén sabemos que a guitarra, e os instrumentos que a precederon, veñen dunha liña máis antiga, e teñen unha historia con moitos séculos e con tradicións e culturas moi diferentes que achegaron as súas contribucións. Na música clásica, ademais, moitas veces as contribucións de compositores con nome propio deixaron tanta ou máis pegada que a cultura tradicional. Así que, en realidade, a guitarra moderna, como moitos outros instrumentos, é o resultado da confluencia de varios instrumentos e tradicións diferentes. 

Ten feito concertos tanto como solista como con outras formacións, que sente en cada unha desas facetas?

Para min é moito máis cómodo e divertido a música de cámara porque tocar con outra xente supón un aliciente extra, tamén outra forma de traballar que require moita coordinación. Ademais de participar en varias formacións de música clásica, tamén toco habitualmente con un grupo que se chama Khitara e que facemos versións dos grandes temas da historia do rock. Para min é un exercicio que me permite abrir a mente como músico e aprender constantemente novas técnicas e puntos de conexión. Pero ultimamente dinme conta que levaba anos sen preparar un repertorio para tocar a solo e que precisaba volver á esencia, porque no fondo sempre fun (e son) un guitarrista clásico.

Ademais de tocar, tamén compón, en que se inspira?

O da composición é máis ben a un nivel amateur e case sempre foi para cousas moi concretas nas que precisaba algunha obra cunhas características determinadas. Nunha época da miña vida que dirixía coros, era unha ferramenta que me permitía ter un repertorio xusto coa dificultade e as características técnicas que buscaba. A principal inspiración case sempre viña dos textos dos poetas galegos que escollía como base. Agora ultimamente estoume introducindo un pouco no mundo das bandas sonoras para curtas, e a inspiración está sempre nas historias que narran, en buscar elementos que reforcen a mensaxe principal que queren contar.

E da clases... que tenta transmitir aos seus alumnos? e vostede, aprende deles? 

Creo que, de todas as cousas que fago, sen dúbida a que máis disfruto é a da docencia. Primeiro porque creo que sempre tiven facilidade para conectar cos alumnos e conseguir xerar neles a curiosidade, a constancia e ás veces o desafío. E segundo porque é onde recibo as maiores satisfaccións. Sexa cal sexa o punto de partida e as capacidades de cada un, ao final do proceso sempre se ven os resultados. 

E si, hai unha alimentación recíproca. Non pasa unha semana sen que aprenda algo novo, corrixa algo que pensaba doutra maneira ou me sorprenda co que os rapaces me van ensinando. Como xa levo anos, algúns deles están comezando as súas carreiras profesionais e para min é un orgullo ver cómo se van abrindo camiño.

Din que a música é terapéutica, o é tamén para vostede como músico?

Si, é certo. Nalgunhas situacións moi malas nas que parece que todo falla, a música sempre está aí para agarrarse e manterte a flote. No meu caso, que levo moitos anos tocando a mesma guitarra, ás veces teño a sensación de que o instrumento ten días bos e malos, coma min, e créase un diálogo interesante no que un acaba tirando do outro. Se coincidimos os dous nun día bo, poden saír cousas incríbles.

Algún proxecto que poida desvelarnos?

Pois ultimamente estou moi ilusionado cun proxecto no que axudo a varios alumnos do conservatorio a introducirse no mundo da linguaxe audiovisual e a creación de bandas sonoras. Traballamos en colaboración co IES Cacheiras (Teo) e estamos conseguindo un grande recoñecemento, tanto a nivel pedagóxico (este ano concedéronnos o 1º premio Proxecta á innovación educativa), como tamén nas proxeccións en festivais por todo o mundo. E por suposto, penso seguir traballando para poder ofrecer novos recitais de guitarra.

Te puede interesar