FESTIVAL DE CINE

Antonio Durán 'Morris': "Gilipollas serían os que non se den conta que Galicia é un gran plató"

Morris durante unha escea da curta.
photo_camera Morris durante unha escea da curta.
O actor protagoniza a curtametraxe "Non me espera ninguén", un dos proxectos que participa nesta edición do OUFF

Antonio Durán "Morris" é protagonista dun dos proxectos con selo ourensán que participan no OUFF. A curtametraxe "Non me espera ninguén" (Ézaro Films) está dirixida por Amanda Ortega e conta co guión do ganador de varios Goya, Ángel de la Cruz. A estación de tren de Os Peares e a mostra de trens eléctricos en miniatura do Centro Cultural Marcos Valcárcel dan pé a esta historia sobre a vida e sobre os trens que pasan unha vez. 

Os Peares ten un significado especial para vostede.

Os Peares significa a miña conexión coa vida, a miña familia é de Os Peares. O de "Morris" vén do apelido Moreiras, dende o colexio.De maior tentei recuperalo, pero unha vez que te coñecen por Morris... Houbo un momento en que quixen poñer Antonio Durán Moreiras Morris e dixéronme: "Non. Non hai pantalla para ti, macho".

Demasiado largo!

Exacto. Eu son o primeiro que naceu en Vigo, pero a miña familia é de aí. Desgraciadamente, hoxe teño o cementerio cheo. Teño unha tía, casas, fincas...Sigo conservando os meus amigos. É a miña aldea. 

Pepe, a personaxe, será dos que máis identificado se sinte.

Meu tío Eloy tiña cafetería ao lado da estación e ao mesmo tempo era carteiro no pobo. Sempre o recordo levando as sacas de correos e collendo as cartas do tren-correo que ía a Madrid. Despedíanos cuns caramelos. Estes pobos, toda a súa conexión, era por tren.

Como é a curta?

É un contiño sobre a vida e o xefe de estación que ten unha ambientación clara. É un conto bonito sobre o que significa ver pasar o tren da vida. Xa coñecía a Ángel de la Cruz e ao ser Peares, dixen que si.

Sexa o que sexa.

Si. Porque ten un toque sentimental e todo o que poida apoiar esa zona e esa paisaxe, estarei. Aparte de que me conectaba coa miña vida.

Sempre quixo ser actor?

Non. A miña nai e as miñas tías pelexaban porque entrase en Maxisterio. Atopeime no instituto co teatro. Nunca pensei que tivera esa capacidade de comunicación diante dun escenario, era un pouco raro.

Como se vive que ata lle fagan un grafiti na súa cidade?

Vas vendo con certa normalidade tanto o éxito como o fracaso. É unha profesión moi chula. Ten momentos preciosos, tamén unha vida dura. Pero todo mesturado, eu non o abandonaría nunca.

Hai personaxes que marcan máis ca outros?

Son enerxías distintas, pero o esforzo é o mesmo. Co tempo, os recordos son maiores. Si nombro unha película digo "A Esmorga" ou "Princesas" e si falo de series "Platos Combinados" e "Fariña", que cambiaron a miña carrera.

Ourense e Galicia están saíndo cada vez máis no cine.

É lóxico. A paisaxe galega é moi potente. A pena é que os galegos non fosemos quen de poñer en valor todo isto hai tempo. Gilipollas serían os que non se den conta que Galicia é un gran plató. 

Te puede interesar