A rúa do Paseo de Ourense acolle a mostra "Xenio, gloria e oficio"

Formada por 24 paneis, pon en valor a figura do arquitecto Domingo de Andrade

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na rúa do Paseo de Ourense a mostra "Xenio, gloria e oficio" coa que a Xunta, en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, pon en valor a figura do arquitecto Domingo de Andrade. Trátase dunha exposición itinerante que o seu paso pola cidade das Burgas continuará divulgando o seu legado en Lugo, onde rematará o seu percorrido por Galicia.

Durante o acto de presentación, no que tamén participou o presidente da Real Academia Galega, Manuel Quintana Martelo, e o presidente da delegación en Ourense do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, o represenante da Xunta de Galicia, puxo en valor a importancia desta exposición para divulgar a figura do construtor ao que se dedicou o Día Das Artes Galegas deste ano. Neste sentido, Anxo M. Lorenzo lembrou que a obra de Domingo de Andrade se estende por toda Galicia e que moitas das súas creacións son iconas do barroco recoñecibles para a meirande parte dos galegos.

A exposición, comisariada polos membros da Real Academia Galega de Belas Artes José Ramón Soraluce e Ramón Yzquierdo, pódese visitar ata o vindeiro 11 de outubro e está composta por 24 paneis, divididos en oito prismas, nos que se mostra a través de imaxes fotográficas, planos e textos a súa pegada en edificios civís e construcións emblemáticas como o baldaquino da capela do Santo Cristo, na Catedral de Ourense.

Te puede interesar