ENTREVISTA

“Ao Apóstolo quérolle pedir que sexamos máis solidarios"

photo_camera Miguel Ángel Santalices.

Ourensano de nacemento, alma e corazón. Así defínese Miguel Ángel Santalices, actual presidente do Parlamento de Galicia.A sanidade sempre foi a súa materia, licenciado en Medicina e Cirurxía, Santalices foi director do Hospital de Ourense, aínda que a política é agora a súa actividade principal.

Ourensano de nacemento, alma e corazón. Así defínese Miguel Ángel Santalices, actual presidente do Parlamento de Galicia. A pesar de que o rei Felipe VI asegurou que ía vir á traidicional Ofrenda, definitivamente non pode e por iso, a Casa Real encargoulle a Santalices a importante tarefa de seres o Delegado Rexio para a tradicional Ofrenda ó Apóstolo Santiago, é dicir, será o encargado de representar ao rei de España na cerimonia o próximo 25 de xullo en Compostela. 

A sanidade sempre foi a súa materia, licenciado en Medicina e Cirurxía, Santalices foi director do Hospital de Ourense, aínda que a política é agora a súa actividade principal. Antes de ser nomeado presidente do Parlamento, a comezos deste ano, foi varias veces vicepresidente da Cámara, voceiro na comisión de Sanidade e vogal do presidente en diversas comisións. 

Que sensación persoal lle produce este nomeamento por parte da Casa Real?

Antes de todo, quero dicir que estou moi agradecido á Casa Real de que elixira á Presidencia do Parlamento de Galicia, e polo tanto, á miña persoa, para esta función. É certo que xa elixiron á Presidencia parlamentaria en varias ocasións, así coma coma á Presidencia da Xunta. Para min non deixa de ser un orgullo poder facer unha ofrenda nun día tan importante como é o día de Galicia e ao patrón de España. Polo tanto, neste sentido, síntome moi orgulloso tamén por ser ourensán, porque os ourensáns levamos no noso sangue facer este tipo de actos solidarios, porque isto non deixa de ser un acto solidario. Tamén é un orgullo facelo en nome de todo o pobo galego. 

A nivel profesional, algunha vez tivo a ocasión de representar a unha institución tan importante?

Non. Pero é que tampouco tiven cargos tan importantes como agora dentro do Parlamento. Primeiro estiven na comisión de Sanidade, logo na Vicepresidencia e agora estou na Presidencia. Nunca estiven en ningún acto no que eu tivera que representar a figura do rei.

Tivo relación coa Casa Real noutras ocasións?

Si, ademáis experiencias moi boas. Tiven a oportunidade de coñecer á raíña Sofía cando era director do Hospital de Ourense. Nesa época cederamos unhas dependencias á Fundación Reina Sofía e foi toda unha honra recibila en Ourense. Porque, que eu recorde, nunca vivira unha visita da raíña á cidade e lembro que a recepción estaba chea de xente que quería coñecela.

Non supón unha gran presión ser o Delegado Rexio nese acto de Ofrenda ao Apóstolo?

O mesmo día supoño que saberei se é moita presión. Polo momento estou tranquilo. Se son sincero, o que máis intranquilidade me dá agora mesmo, é o discurso. Aínda estou dándolle voltas ao enfoque, porque gustaríame facer unha ofrenda e un discurso que sexa percibido pola sociedade como unha realidade que está vivindo. Quero que a xente que me estea escoitando falar ese día vexan nas miñas verbas a realidade que eles están a vivir de cotío e que está presente na sociedade galega e española, aínda que neste caso preocúpame máis a galega. Quero un discurso realista e que a xente o tome como algo seu e que o entendan ben.

Pode desvelar algunha das claves do seu discurso? 

Aínda non o teño escrito. A miña intención, como eu veño un pouco dese ámbito, é tirar para o campo social. Estiven dándolle voltas e quero facer referencia desde as persoas que sofren, a xente maior, ás persoas que padecen enfermidades ou algunha discapacidade. Quero centrarme nese ámbito social porque creo que é unha desas grandes preocupacións nas que estamos traballando todos para darlle unha salida. Tampouco quero esquecerme no meu discurso dos emigrantes. Galicia, e particularmente Ourense, ten moito mundo na emigración, incluso moita xente que o pasa mal en certos países e ese día será un día para lembralos a todos e cada un.

Está previsto que o alcalde de Santiago non vaia á Ofrenda. Cal é a súa opinión ao respecto?

Sería moi bo que estivese. Xa o ano pasado rexeitou estar no evento pero este ano, se estivese, eu estaría encantado de estar acompañado por el. De todos os xeitos, eu respecto todo tipo de opinións e máxime neste tema, que creo que o respecto é algo totalmente fundamental. Se el non quere asistir é unha decisión persoal del e de ninguén máis. Eu aconsellaríalle, xa que ambos somos médicos, que lle botase uha pensada. Pero digo, dende o ámbito de colega a colega, non de político a político. Creo que Santiago ben merece unha representación nesta celebración de Galicia. Dende logo, si que me permitiría facerlle esa suxerencia dende o ámbito, aclaro, estrictamente persoal.

Que lle vai pedir o presidente do Parlamento de Galicia ao Apóstolo o próximo día 25 de xullo?

Para resumir nunha palabra, a miña petición é que sexamos solidarios. Eu creo que para min é moi importante. Solidariedade para as persoas e para Galicia. Dentro do meu discurso tamén haberá varias peticións que mencionarei, pero se hai que resumir todo nunha palabra é solidariedade, ser máis solidarios cos nosos e cos que nos rodean. 

Gustaríalle estar o ano que vén ao carón do rei?

Esa sería unha moi boa petición. Por unha banda, encantaríame estar o ano que vén como Presidente do Parlamento de Galicia, porque iso significaría que gañamos de as eleccións e, por outro lado, sería xenial gozar da presenza do rei nun día tan importante para Galicia.

Te puede interesar