ARTE ET ALIA

Ao comenzar o camiño sempre hai un novo ar

Obras de Iana Docampo.
photo_camera Obras de Iana Docampo.

Felipe e Mercé firman a exposición "Da foto ao debuxo", unha novidade no panorama expositivo da cidade

Felipe e Mercé firman a exposición "Da foto ao debuxo", unha novidade no panorama expositivo da cidade. Alí no Sindicato del Cómic descubrimos como as dúas formas de ollar combinan nun ver en clave artística. 'Mirar una cosa y verla son dos temas muy distintos: no se ve algo hasta que no se ha comprendido su belleza', deixou escrito Valle-Inclán, do que se cumpriu esta fin de semana pasada o 152 aniversario do seu nacemento. Mais esa beleza da que falaba don Ramón María pode proceder do significado do motivo elixido por eles. Así na fonte-lavadoiro a pouco máis dun quilómetro de Maside, terra natal de Felipe Bardelás Mosquera (1976), quen co lapis debuxa este lugar que tan ben coñece. O gran estanque e o lavadoiro baliza a memoria das mulleres e o dun traballo fundamental no eido familiar que se facía público entre elas coa roupa e as conversas nun lugar que é máis que o 'camiño da auga cara a Rañoa'... Este tema que non se puxo no local ourensán, polo escaso do espazo dispoñible, foi un dos expostos fai pouco na Casa Aberta de Maside, coas fotos de Mercè Domínguez Sierra (1959, Barcelona) e os debuxos daquel nas paredes e mesas con éxito. O paso da vida é un banco desequilibrado polas raíces dunha árbore no psiquiátrico de Conxo, tan evocador como o da escaleira do de Toén, con herbas entre as pedras, unha maleta baleira e a roupa ciscada... Un patio en Porto do Son e detalles de Lisboa, o grafitti preto da Rúa da Bica, ou o do home que cubre as pintadas, son outros temas. Lembrando a Marina foi ter presente á tía de Mercé, que viviu en Vilariño de Conso. 

Ela ten feito exposicións, caso de "Mulleres", en Basquiart, con significadas miradas de muller, acto feminista por excelencia que confrontonta o de 'me están mirando'. Gustaría de regresar a esta rúa Doutor Marañón, da tenda especializada en banda deseñada, na que hai un ronsel de arte dende a sala de Eloy Lozano e a máis recente de Manuel Márquez, até o estudo de Patricia Joga ou a de Vai Van Mr. Can. A ver se a Escola de Artes e Oficios dálle por expoñer aquí, o que sería unha boísima nova para esta rúa, única na cidade con un movemento semellante de iniciativas de arte.


La fragilité de Blackbunnyctive


Detrás do título en francés e o nome en inglés agóchase a ourensá Iana Docampo Kchoroshanskaia (1996), que firma a súa primeira exposición en El Cercano, un mes antes dos seus vinteún anos. Concluídos os seus estudos colexiais nas Carmelitas, matriculouse en Belas Artes en Pontevedra, da Universidade de Vigo. En paralelo dos seus estudos  adoptou dous coellos, dos que parte a motivación e a inspiración. Dende o seu pequeno formato e con moito de ilustración es. Cóntanos que gusta do hiperrealismo, mais nestas obras o caligráfico do trazo, co remarcado debuxo, e a expresión por monteira na busca dos contrastes, amosan sendeiros na procura dunha linguaxe que o tempo decantará.

Te puede interesar