Solidaridad

Aprendices de agricultura axudan a Cáritas Ourense

Momento previo á entrega de diplomas aos estudantes.
photo_camera Momento previo á entrega de diplomas aos estudantes.

Foron 500 horas formativas nas que unha ducia de usuarios aprenderon a loitar contra as pragas ou fertilizar o solo

O centro de Desenvolvemento Agrogandeiro da Deputación acolleu o acto de entrega de diplomas do curso "Actividades básicas en agricultura", impartido polo persoal técnico do centro e organizado por Cáritas Ourense, que ofreceu a dez persoas a oportunidade de adquirir os fundamentos necesarios para traballar en calquera tipo de explotación agrícola. 

O presidente do Inorde e vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, destacou o aspecto solidario que se promove con este curso, "pois os participantes coñecen que todos os produtos que se cultivan nas fincas do centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, froito das labores formativas, son entregados a Cáritas Ourense para axudar á poboación máis desfavorecida". O Inorde, coa colaboración dos participantes, aportará este ano preto de 30.000 quilos de patacas a Cáritas, que se sumarán a outros 25.000 quilos deste tubérculo xa entregados ao Banco de Alimentos de Ourense. 

Ao longo de 500 horas formativas, os alumnos adquiriron coñecementos en labores de preparación do solo, fertilización, plantación de cultivos, instalación e mantemento de sistemas de rego, loita contra pragas ou recolección, manexo e procesado de produtos. 

O curso complementouse con nocións de xardinería e conservación de espazos naturais, así como con tarefas relacionadas co mundo da viticultura. Os traballos a pé de finca realizáronse tanto nas parcelas que o centro de Desenvolvemento Agrogandeiro posúe en Xinzo como noutra parcela situada no Concello de Monterrei. 

Te puede interesar