O TSXG aproba medidas para aliviar a carga de traballo do xulgado de Familia de Ourense

Deixará de asumir os asuntos relativos a internamentos non voluntarios, dos que ata o de agora se encargaba en exclusiva

A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia aprobou que o Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Ourense, especializado en dereito de Familia, deixe de asumir os asuntos relativos a internamentos non voluntarios, dos que ata o de agora se encargaba en exclusiva. O obxectivo desta medida é aliviar a carga de traballo do órgano, que está moi por encima dos módulos establecidos polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), ata o punto de que en 2019 alcanzou o 141%. O presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde, comprometeuse este ano, durante a súa visita aos xulgados de Ourense, a tomar medidas para reducir a pendencia do órgano especializado en Familia.

A Sala de Goberno, por tanto, decretou a modificación das normas para que o resto de xulgados de primeira instancia de Ourense se fagan cargo dos procedementos de internamentos non voluntarios. Ademais, ese cambio nos criterios de repartición tamén excluirá o xulgado especializado en dereito de Familia da competencia de materias que non son propias da súa especialización, incluíndo as execucións pendentes e os expedientes de xurisdición voluntaria.

O acordo tomado pola Sala de Goberno respecto ao plan de actuación no Xulgado de Primeira Instancia 6 de Ourense tamén inclúe unha proposta para modificar o seu cadro de persoal, equiparándoo ao doutras cidades como Vigo ou A Coruña. Para iso, solicita á Xunta que o incremente en dous xestores e un tramitador, “sen prexuízo dos reforzos que sexan necesarios ata situar as cifras de pendencia do xulgado en límites propios da carga de entrada”.

Te puede interesar