Aprobada a reforma do centro de saúde de Toén

A Xunta de Galicia destinará 78.874 euros para facilitar o acceso ás ambulancias ao centro de saúde de Toén

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou onte o centro de saúde de Toén  acompañado polo delegado territorial de Ourense, Gabriel Alén e o alcalde, Ricardo González, con motivo da aprobación do proxecto arquitectónico para mellorar o acceso ao centro. 

O plan contempla a modificación da porta para aumentar o espazo no muro de formigón e facilitar así o acceso peonil e o acceso rodado dos vehículos sanitarios, como se viña reclamando dende a construcción deste espazo. Para facelo posible instalarase unha dobre porta mecanizada cun ancho de máis de tres metros, espazo suficiente para a entrada das ambulancias. 

Aínda que para soportar o peso dos vehículos no recinto interior será preciso reforzar o pavimento actual introducindo formigón, o proxecto coida da preservación do interior actual. Do mesmo modo, conservaranse os sumidoiros de recollida de pluviais e os focos  instalados nas inmediacións da entrada. As enredadeiras serán transplantadas, á súa vez, e colocadas nunha nova localización

Esta obra, que actuará sobre unha superficie de 106 metros, súmase a outras dentro da provincia como as reformas dos centros de Lobios, Cenlle, Amoeiro ou Maside; ou a posta en marcha de novos núcleos sanitarios como os de Leiro, Cenlle ou Castrelo de Miño. Todas se enmarcan dentro do plan de renovación de infraestruturas de atención primaria da Xunta, que investiu nos últimos doce anos 120 millóns na construción ou mellora destes edificios especializados.

Te puede interesar