convocatoria

Aprobadas as bases da convocatoria do Premio “Rodolfo Prada” á xestión cultural

Xunta de Goberno 020617 (2)_result
photo_camera Imaxe da presentación das bases ó concurso, presentadas esta mañá, 2 de xunio.

O premio está dirixido a persoas, proxectos ou colectivos de carácter cultural e que desenvolvan a súa actividade en Galicia

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou as bases reguladoras da convocatoria do Premio “Rodolfo Prada” á xestión cultural. Así o informou o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 2 de xuño.

O premio está dirixido a persoas, proxectos ou colectivos que se signifiquen pola xestión de iniciativas de carácter cultural e que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma Galega ou fóra de Galicia, pero con referencias claras á cultura galega. O galardón contará con tres modalidades: dirixido a profesionais da xestión cultural, dirixido a persoas voluntarias ou colectivos afeccionados, e a terceira modalidade dirixida a proxectos culturais vinculados á Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e que formen parte do manual de boas prácticas do que será dotado o novo portal web da devandita Asociación.

Por outra parte, as bases recollen que se concederá un único premio en cada unha das modalidades, polo tanto, na primeira modalidade para profesionais da xestión cultural corresponderíalle o financiamento dunha bolsa para a participación nalgunha acción formativa sobre xestión cultural no marco do programa Europa Creativa ou de calquera outra entidade cultural que resulte de interese para o premiado, cunha contía máxima de 1.000 euros. O premio para a segunda modalidade de persoas voluntarias ou colectivos afeccionados, sería a colaboración directa da Deputación de Ourense co seguinte proxecto cultural que promovas as persoas voluntarias ou colectivos afeccionados resultantes gañadores, cunha contía máxima de 2.000 euros. Por último, para os proxectos culturais vinculados á AGPXC, o premio será dunha colaboración directa da Deputación de Ourense co seguinte proxecto cultura que promovan os responsables do proxecto gañador neste apartado, cunha contía máxima de 3.000 euros. Asemade, todos os premios irán acompañados, nas tres modalidades, cunha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por artistas ourensáns, así como dun diploma acreditativo. Así mesmo, o premio poderase declara deserto en todas ou nalgunha das modalidades.

Os interesados en participar poderán presentar a súa candidatura será de dous meses desde o día seguinte ao da publicación destas bases no BOP, que terá lugar arredor da primeira semana de decembro de cada ano. O formulario de presentación da candidatura ao premio deberá ir acompañado dunha breve memoria de non máis de 3 folios, nos que se recollan os méritos xustificativos da presentación da candidatura. As candidaturas poderán ser presentadas por profesionais da xestión cultural, colectivos culturais ou institucións públicas ou privadas do ámbito cultural, sen que os candidatos se poidan postular a eles mesmos pero, non será admitidas aquelas que xa foran recoñecidas en edicións anteriores ou teñan relación directa con estas a partir da segunda edición.

O xurado do premio estará integrado por 11 membros: o presidente da Deputación ou persoa na que delegue como presidente do xurado, e como vogais sería un representante da Deputación, un representante da Secretaría Xeral de Cultura, catro profesionais de recoñecido prestixio do ámbito da xestión cultural designados pola Deputación, catro representantes da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, e un representante da Asociación Cultural Rodolfo Prada, dos Peares. Como secretario, con voz pero sen voto, actuará un funcionario da Deputación de Ourense.

O premio entregarase nun acto social organizado pola Deputación de Ourense no marco da celebración da ICC Week que cada ano organiza esta institución na primeira semana de maio.

Cooperación

No relativo á cooperación cos concellos da provincia de Ourense, a Xunta de Goberno vén de aprobar unha axuda de 6.000 euros para a edición do Premio Antón Losada Diéguez, correspondente ao ano 2017. Para o Concello de Muíños aprobouse o pago anticipado da axuda de 50.000 euros para o proxecto de pantalán no complexo turístico do Corgo. Outra das axudas aprobadas foi para o Concello de Ourense por importe de 50.000 euros destinada á organización do festival de cine internacional OUFF, correspondente ao ano 2017. Para o Concello de Parada do Sil, a Xunta de Goberno aprobou dúas axudas, unha delas de 50.000 euros para a mellora de infraestruturas do Xeriátrico Luces do Sil, e a outra de 30.000 euros destinada á restauración do belén de barro da capela de San Ramón. Outra das axudas aprobadas na xuntanza foi para o Concello de Rubiá por importe de 8.000 euros para a adquisición de materiais para a mellora das vías na localidade de Olego e, para a Mancomunidade Intermunicipal Conso Frieiras aprobou unha axuda de 40.000 euros para os gastos de funcionamento da entidade de 2017.

Por último, a Xunta de Goberno aprobou a ratificación do convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense e a Asociación Gen Plus, polo cal o goberno provincial destina unha axuda de 50.000 euros para o estudo, investigación e difusión sobre o municipalismo.

Te puede interesar