ENTREVISTA

"A banda é un segundo fogar para os Amigos dos Músicos"

amigos2
photo_camera Daniel Alonso, Raúl Diz, Arcadio Nóvoa, Jaime Mateo, Álvaro A. Rivera y Druso Pedrouzo son Os Amigos dos Músicos.

Os Amigos dos Músicos ten unha cita na praza de San Martiño, no marco das festas de Ourense, ás 20,30 horas deste sábado

A banda ourensá Os Amigos dos Músicos (Jaime Mateo, Arcadio Nóvoa, Raúl Diz, Daniel Alonso, Druso Pedrouzo e Álvaro A. Rivera) presenta "Segundo Fogar". Dez cancións sobre as pequenas cousas, sobre o segundo lugar ao que volver e sobre a busca de novos referentes. Mención especial a "Bicarelo", a súa versión musicada dun poema de Uxío Novoneyra, unha proposta similar a que fixeran cun texto de Curros Enríquez. O seu pop-folk nutrido da música popular galega reaparece na cidade que uniu ao grupo, despois de tres anos sen tocar aquí. A cita será na praza de San Martiño, no marco das festas de Ourense, ás 20,30 horas deste sábado. Arcadio Nóvoa fala do disco no que "menos é máis". As letras seguen sendo o máis valioso dos Amigos.

Como inflúe o concepto da distancia neste novo álbum?

Á hora de preparar as cancións houbo que adaptarse para traballar individualmente e en grupo, non podemos estar xuntos todo o que nos gustaría. A nivel da composición, un bo número de cancións reflicten a idea de distancia, de deslocalización, de estar en novos espazos nos que hai que buscar novos referentes.

“As crónicas" é o primeiro adianto que ofreceron do disco. Por que esta viaxe?

É unha canción que resume o contido do disco, a nivel lírico conta unha viaxe de busca de sentido e de encontro de distintos personaxes. A nivel musical é unha canción na que están presentes elementos novos do disco: os saxos, os teclados e o feito de montar a canción dunha maneira o máis sinxella posible. Sen repetir arranxos. Son cancións un pouco máis lixeiras.

“Amor frugal" representa esa sinxeleza.

Si, é a canción máis radical. Moi curta, queríamos que fose desa maneira dende o principio, con tres partes moi independentes onde os instrumentos aparecen e desaparecen. Unha píldora moi pequena.

“Pavillón dos Remedios", como xurde?

É a canción máis vella do disco. Unha composición de Jaime Mateo que foi mutando moito. Desta vez atopamos o arranxo perfecto. A letra gústame moito, é das máis interesantes e bonitas de Os Amigos dos Músicos. Unha referencia a un lugar central na vida da nosa xeración en Ourense. Para nós significa toda esa zona arbolada, as pistas de baloncesto, a parte do río cos grafitis que despois se cubriron... E combínase coa capela de Os Remedios, que xoga un papel importante para xeracións anteriores. Buscamos darlle o sentido de crear comunidade, xuntarse ao redor dun espazo e facer cousas:unha romaria ou xogar ao baloncesto.

É a máis melancólica?

Pode ter un punto nostálxico pola referencia aos lugares. Pero a canción ten unha emoción positiva, dar sentido á colectividade.

Os amigos, as viaxes, os lugares... Cal é o segundo fogar de Os Amigos dos Músicos?

Un pouco todo. Da distancia, da deslocalización, veste obligado a fundar novos fogares. A banda é un segundo fogar para todos. Espacios que compartimos como o Torgal ou outros lugares aos que imos xuntos. A música, o feito de facer cancións... A banda é un lugar onde te sintes cómodo, querido e protexido. 

Te puede interesar