Xerente de Xestur Ourense

Argimiro Marnotes Fernández: ‘A Administración leva invertido 30 millóns en parques que non teñen planeamento’

 Argimiro Marnotes, no seu despacho da sede de Xestur Ourense. (Foto: José Paz)
Pór no mercado unha oferta de solo industrial axeitada á demanda das empresas, aproveitando aqueles emplazamentos ‘estratéxicos’, é o obxectivo do novo xerente da sociedade urbanística Xestur Ourense, Argimiro Marnotes. A entidade proseguirá co parque empresarial do Val da Rabeda, aínda que o inicio de obras retrasarase ata 2011 e, en vez de construir grandes áreas, farase en pequenos polígonos.
Cales son os seus criterios de traballo á fronte de Xestur?

Queremos ofertar solo industrial e comercial a todas aquelas empresas que queiran ubicarse na provincia e, para eso, temos que facer aquel para o que haxa demanda. Tamén é importante acompañar as actuacións que fai a Xunta en infraestructuras. Por exemplo, a autovía que vai de Ourense a Portugal pasando por Celanova, e que sae no cruce de acceso á Merca. Xestur ten que acompañala cunha ampliación do parque empresarial de Celanova é, á vez, axudar ó bo traballo que leva feito o Concello de A Merca, que ten previsto facer un parque empresarial xusto na intersección da A-52 coa autovía que vai a Portugal, un lugar estratéxico.

O prezo do solo preocupa ás empresas, máis aínda no actual contexto de crise. Pódese abaratar sen mermar a calidade?

En Ourense é infinitamente inferior ó resto de Galicia, cunha media de 70 euros. En concellos próximos de Pontevedra xa superan os 100 euros. Pero non é o que máis mira o empresario, que lle preocupan máis os gastos dos recursos durante toda a vida da empresa que o desembolso inicial do solo. Aínda así, tanto Xestur como o Instituto Galego de Vivenda e Solo están a modificar os pregos de venda das parcelas, para dar facilidades ós empresarios e que, pagando unha cantidade inicial, poidan aplazar o resto (ata o 70%), porque sabemos como está a situación.

É Ourense competitivo con Portugal?

Que o solo saia barato depende de todos. Os concellos que polos seus medios consigan o terreo, terán máis posibilidades de que sexa económico. E algúns están facendo os deberes neste sentido. Hai que botarlles unha man para urbanizalos e serán parques moito máis rentables.

Como vai afectar a crise económica á execución de solo?

As empresas hoxe non están saíndo a ver o que hai. Unha das misións de Xestur é chegar a elas: queremos facer unha boa campaña de venda e amosarlles o que a provincia ten ó seu servizo.

E como repercute en Xestur? Porque teñen previsto acudir a unha póliza de crédito.

Estamos a superar unha situación herdada. Hai parques que se estiveron a desenvolver nestes anos -en concreto, dous no Val da Rabeda, o de Taboadela e o de Paderne de Allariz, e dous en Verín, os de Tamagos e Pazos- nos que a Administración leva invertido en torno a 30 millóns de euros, sen ter o planeamento aprobado e sendo longa e costosa a súa tramitación, ademais de complexa por certos informes negativos. Non é normal. Deses 30 millóns, 19,5 saíron de fondos de Xestur Ourense, dun crédito que estamos agora a ampliar para superar esta situación. Tamén estamos a actuar nestes parques para facelos en polígonos de actuación máis pequenos. Se en cada parque dun millón de metros cadrados imos facer primeiro 250.000, expropiaremos o xusto. A Administración non está para adiantar 30 millóns de euros nalgo que se vai tardar tanto en recuperar, cando con eses cartos xa teríamos moito feito.

Durante o bipartito, fíxose unha ampliación de capital de Xestur porque perigaba a súa viabilidade. Cal é agora a súa situación económica?

Xestur Ourense estase endebedando para facer actuacións da Xunta, e a Xunta di como lle vai pagar a Xestur, que vai recuperar os cartos cando os parques estean urbanizados e vendidos. É dicir, temos a forma de pago garantida, pero a moitísimos anos. O que non hai son os cartos en caixa para facer todas as actuacións: hai un problema de caixa moi grande. De aí que teñamos que seguir con endebedamento. O que sí imos intentar é modificar a relación de Xestur coa Xunta para ir recuperando antes recursos que adianta Xestur á propia Administración.

Van continuar co Val da Rabeda?

O planeamento está en tramitación e mentres non estea aprobado non se pode adquirir máis terreo nin iniciar obras. Fai falla un ano para rematar coa tramitación, porque queremos introducir a subdivisión en polígonos de actuación. Ademais, en Taboadela afecta o AVE nunha parte do terreo e incluso hai liñas eléctricas que xa existen e non se tiveron en conta, e é inviable obrar baixo elas. Hai que modificar a actuación. En principio, o inicio de obras será en 2011 para que a primeira etapa estea en torno a mediados de 2013. En Paderne de Allariz, tamén fai falta un ano para a tramitación, pero mántense o compromiso con Adolfo Domínguez, polo que a idea é facernos con tódolos terreos (un millón de metros), facer as conexións externas e buscar un convenio coa empresa para a súa urbanización. Poderíaos ter a disposición en 2011.

No resto da provincia, que actuacións teñen previstas?

O vindeiro ano iniciaremos novas fases en Xinzo, Vilamarín, Celanova, Ribadavia e Pazos (Verín). E estamos estudiando a viabilidade do parque empresarial de Barbadás. Ademais, enviamos unha carta a tódolos concellos para que contacten con nós e colaboraremos con eles no que precisen.

E a Central do Transportes? Iniciouse a segunda fase coa primeira case baleira.

Certo que na primeira hai só unha parcela ocupada, pero hai máis vendidas. A central carece dun acceso directo dende a primeira rotonda do polígono de San Cibrao, que vai ser un impulso. A principios do vindeiro ano rematará a segunda fase, pero tamén é importante á seguinte, porque suporá a entrada do ferrocarril ó ambito con áreas de carga e descarga. Será entón cando os empresarios vexan a viabilidade dese solo. Poderíase comezar no 2011.

A cidade tamén ten demandas en solo industrial. Como é a relación co Concello?

Xestur Ourense enviou a todo o mundo a invitación de colaboración e dende o Concello comunicousenos a situación, máis referida a viviendas que a solo empresarial. En todo caso, hai disposición a colaborar.

Precisamente nese eido, que ocorre co proxecto de vivenda en Rabo de Galo?

É un tema que leva directamente o Instituto Galego de Vivenda e Solo. Sería o organismo axeitado para pronunciarse.

A Deputación creou recentemente a súa sociedade urbanística, Urbaourense. Hai espazo para as dúas?

Que haxa dúas sociedades urbanísticas ocorre noutras provincias de España, en Pontevedra mesmo. Ademais de ser compatibles, incluso poden colaborar. É un tema de sentido común.

Te puede interesar