ARTE ET ALIA

A arquitectura vital de Xosé Luis Otero

A obra inspirada na destrucción dos libros.
photo_camera A obra inspirada na destrucción dos libros.
Son paisaxes elaboradas coas contras da habitación, xa sen uso, lembrando un sentir que reelabora consonte ao súa mirada de hoxe

O celebrado artista limiau desdobra en gran arte o murmurio dunha historia, a súa, que se escoita por enriba do barullo do tempo, por máis que sexa o seu dicir un muiñar... Amósao na súa recente exposición a decorrer con éxito no Museo de Arte Contemporánea, na viguesa rúa do Príncipe. Significadas publicacións nacionais e internacionais, Descubrir el Arte ou Arquitectural Digest, recoméndana entre as citas culturais imprescindibles, falándose dela en Suecia, no Dagens Nyheter o principal diario, país onde está a expoñer dende fai meses. Xosé Luis vive e traballa na cidade olívica. 

No seu taller principal, preto do río Louro, da Rocha e a Torre, mirou cos ollos interiores a Nocelo da Pena para "Atlas de Soidade", obra que da título a esta proposta artística e que evoca o mundo arredor da súa casa, Escornabois, Viladerrei, Vilaseca, Lodoselo, Trasmiras, que ollaba cando neno dende a fiestra do cuarto do avó. Son paisaxes elaboradas coas contras da habitación, xa sen uso, lembrando un sentir que reelabora consonte ao súa mirada de hoxe. Así se consolidan os recordos, reubicándose coas emocións segundo a neurociencia.

 Coida Xosé Luis do caudal da memoria, un ecoar do seu sentir, con sensibilidade, e adminístrao na procura dunha impresión paisaxística xa que logo, como recoñece, “son un home do rural e así é como captaba a paisaxe”. Constrúe coas súas mans, e a mestría precisa, as pezas coas que desenvolver a idea, que argumenta en series. Estas son máis amplas do que amosa aquí, unha escolla de Paul Edward Guy, xefe de montaxe do MARCO, axudado por Thomas Apostelau, encargado da Tate Gallery de Londres, que conseguen unha excelente posta en escena para dar unidade discursiva ás formas plásticas na sala. Nela o artista combina pintura e escultura de visión frontal con planos cenitais, principalmente, ao que engade instalacións. E nas paredes inclúe textos seus que enriquecen o significado. 


Arquitectura e baleiro


Son os rañaceos unha reflexión arredor do impacto cando chegou para estudar en Vigo, que amplía coas "Arquitecturas baleiras", pezas nas que destaca o feiticeiro impacto da central, dende os postes do patio familiar, fitos limiares traballados con cores-semáforo, arxilas e barros, que hai que abrir; e nos preparan para a apertura do abano expresivo na gran sala: o Aleph ou a ilusión do tempo e o espazo, coa inspiración de Borges e a destrución dos libros, acaídas formas denegridas e carbonizadas dunha ‘desoladora beleza artística’, nas súas palabras, nas que hai nelas o impacto das mans pechadas; o bosque en brasas, e outra violencia, a de xénero, coa explícita cor vermella. En paralelo, a outra gran sala, na que segundo di o artista “os visitantes chámana a dos fondos mariños”, obras nas que da forma a macroalgas filamentosas dende informes médicos triturados nunha Estética da destrución,  memoria, vida. Na entrada xeral, o "Home devorador", instalación na que a luz dirixida podería ter axudado na mensaxe de carnicería, e a paisaxe cenital destruída, son outras reflexións deste eremita-artista no seu taller-sanctasantórum, onde investiga e elabora con “poesía, música e intima reflexión”.

Te puede interesar