A dación realizada polo profesor contén numerosos libros tanto da súa autoría como alleos, ademais dun amplo epistolario, fotografías da súa vida e numerosas e valiosas obras de arte

O arquivo de Alonso Montero pasou a mans da Deputación

Como un 'acto testamentario', o profesor Xesús Alonso Montero fixo pública a dación do seu arquivo bibliográfico á Deputación de Ourense, onde foi depositado hai xa dous meses.
A entrega completouse cunha guía para consultar o arquivo literario, composta por dúas partes e un apéndice. Na primera delas figuran a bibliografía e a biografía do catedrático, criado en Ventosela, na comarca do Ribeiro. Non só os libros que publicou ou os que aínda ten por publicar, están tamé un amplo epistolario con cartas que recibiu de figuras como Celso Emilio Ferreiro ou Ramón Otero Pedrayo, ademais de fotografías e gravacións sobre a súa vida e numerosas obras de arte.

A segunda parte é a súa biblioteca persoal con orixinais, libros raros e volumes en xeral. O máis atractivo deste segundo apartado son os textos inéditos, con firmas como as de Darío Xohán Cabana, Uxío Novoneyra e incluso a primeira traducción do Evanxeo de San Marcos ó galego.

'Deixo o meu legado na Deputación, onde están os arquivos literarios máis importantes de Galicia', asegurou Alonso Montero en referencia ós de Eduardo Blanco Amor, Ben-Cho-Shey, Alberto Vilanova e as irmás Pura e Dora Vázquez. Aínda que nun primeiro momento intentou que o arquivo quedara en Lugo, 'por ter un campus da Universidade onde sempre traballei' (a de Santiago), pero alí non recibiu 'máis que rexeitamento'. Con todo, o profesor quixo deixar claro que 'non lle deixo o meu arquivo a Baltar, senón a unha institución pública'. No suposto de que as deputacións desaparezan, debate instalado na actualidade, 'calquera que sexa o destino da colección, estou tranquilo', puntualizou Alonso Montero.

Na presentación da guía do arquivo literario estivo acompañado polo presidente da Deputación, José Luis Baltar; do responsable da Imprenta provincial, Carlos Martínez, e da responsable da Biblioteca, Isabel Almuíña. Durante a comparecencia, Xesús Alonso Montero manifestou en reiteradas ocasións ser da esquerda ideolóxica, algo ó que Baltar se referiu para incidir en que estamos nunha 'etapa pluralista' e manifestouse moi 'satisfeito' por ter dado este paso. 'A nosa receptividade é total porque é algo que vale a pena', afirmou Baltar.

Te puede interesar