TEATRO

A arriscada aventura de Mowgli

7-El-libro-de-la-selva_result
photo_camera O protagonista, rodeado da súa familia animal.

O Auditorio Municipal de Ourense acolle este domingo a obra "O libro da selva", nunha versión adaptada en títeres

A coñecida historia de Mowgli, o neno protagonista de "O libro da selva" de Rudyard Kipling, chega a Ourense este domingo da man da creatividade de Títeres Cachirulo.

Máis de vinte personaxes, todos eles confeccionados por Carmen Domech, tamén actriz na obra, dan vida a un relato que recrea as aventuras do coñecido neno salvaxe. "É unha historia do mundo nos seus aspectos máis primitivos, no xogo e nos animais", comenta Jorge Rey, director e actor desta obra. Porén, o relato posúe unha segunda lectura máis profunda: "Hai moitas versións edulcoradas deste libro, pero nós queremos que os nenos poidan ver o conflito real que se plantexa entre o tigre e Mowgli, que salgan dese mundo de golosinas nos que ás veces se atopan". Tal e como explica Rey, "chega un momento, como nas súas vidas chegará tamén, no que hai que enfrentarse ao tigre". E quen é o tigre? Os medos, as dúbidas, os cambios, as situacións máis difíciles do percorrido vital. 

Por iso, "O libro da selva" non está só dirixido aos máis pequenos. "Nós somos conscientes de que tamén imos ter maiores entre o público, e por iso buscamos o enlace con eles", comenta o director da obra. Os protagonistas procurarán a resposta dos espectadores, o comentario, a risa. "O ambiente teatral créase nese momento a partir dos actores, pero tamén dos nenos e dos maiores", afirma Rey.  

Non é a primeira vez que Títeres Cachirulo actúa no Auditorio da cidade, e os artistas gardan un bo recordo do público ourensano. "Convido as familias a vir a vernos o domingo porque é un espectáculo moi bonito e coidado nos detalles, cunha confección que vai sorprender e con música en directo", comenta o director. De feito, o personaxe de Mowgli conta con sete títeres distintos, para os vestiarios de cada unha das súas etapas, dende que é bebé ata que chega a maioría de idade. 

Te puede interesar