ARTE ET ALIA

Arte maior de Xosé Benito Reza

Celanova. 22-03-16. Provincia. Jose Benito Reza.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Xose Benito Reza.

No frescor da costa dei en ler ‘Terradentro’ de Xosé Benito Reza, e foi como estar diante dos cadros dunha exposición

As pinturas falan, e os artistas contan historias con elas. Cando son quen de insuflarlle sentimento, transmiten emocións, coas liñas, a composición e as cores. Delo tratamos nesta columna a meirande parte do ano, agás no tempo no que o Lorenzo aperta. No frescor da costa dei en ler ‘Terradentro’ de Xosé Benito Reza, e foi como estar diante dos cadros dunha exposición. Mussorgsky fixera xa algo parecido coa música. O descubrimento do mundo a mediados do século pasado, que nos presenta o autor celanovés nas tres historias teñen equivalencia de arte, polos matices nas cores das leiras e campos que se transforman en paisaxe. A gradación de alturas, do val ata as penechairas, da súa orografía e vexetación, a súa estrutura agropecuaria, disposta nunha orde por séculos, son esencia, e non recheo. Elo non pode estrañar, pois o autor é enxeñeiro de montes, mais tamén un estudoso da ornitoloxía, da historia ou da astronomía, facianas que se deixan ver, e iluminan páxinas con atmosferas estimulantes. Esta maxia débese ao "seu galego literario é abundancial e selecto a un tempo", en palabras de Xosé Luís Méndez Ferrín. ‘Berros no vento’ e ‘Casa grande de Ademourán’ son historias de ficción e misterio en espazos rurais. ‘O can do alcalde’ é a terceira, e discorre nunha vila. 

Son aquelas unhas acaídas tramas de misterio, con un pivote que as une, o avogado Rial que con tino e sentidiño vainas desleando e resolvendo, coa axuda dun capitán da Garda Civil. As casas e os espazos, a vida cotiá das xentes do tempo do Franquismo, queda plasmado nas precisas descricións, nas que hai datos históricos e tamén arqueolóxicos. Na intriga das novelas devalan os sentimentos dos personaxes, o mundo dinámico duns protagonistas e o do pobo, máis estático. Dramas rurais, e tensións, trufadas de ironía. Para especialistas, como Ramón Nicolás, son novelas ‘abeiradas a un xénero que case denominaría como thriller rural’.

Velaquí o peso do tempo da nenez e adolescencia, xermolo da vida. A mirada de Reza detense na recreación daquel tempo dos nosos maiores, dende a nostalxia que sentiu, ‘cando as portas xa non estaban abertas’, pois como dixo, ‘a súa tía Gumersinda xa morrera’. E así, deulle vida un momentiño a avoa Amadora de Vilanova dos Infantes e os sete fillos, naqueles tempos de escuridade e medos da dura ditadura coa casa de comidas, xentes fortes e rexas que encheron as terras do rural de Ourense, ou Galicia, nas súas aldeas e lugares, e que se está a esfarelar dende hai lustros diante dos nosos ollos. Esta terra ten aquí o centro nunha vila, Celanova, innomeada conscientemente, como o velo mosteiro bieito, na que o avogado Rial ten despacho diante dunha fonte nunha praza, e un café central, dende a que se vai cara Ademourán, por Acevedo, e ‘os fondais agarimosos do río Deva, onde pousa o lugar de Remuiños’ (Redemuíños tamén)... O cabo é un cuarto capítulo, excursus persoal no que rememora a súa vida, e familia, Terradentro, realmente,  pechando as paredes deste gran fresco ao xeito renacentista, cadrando o círculo.

Te puede interesar